Tiocfaidh Ár Lá! (o noso día chegará!)

adansDesde Galiza Nova vimos de transmitir nestes días toda a nosa solidariedade ás nosas compañeiras e compañeiros do Sinn Féin – Republican Youth, após a detención de Gerry Adams.

Unha detención coa que ficamos sorprendid@s e que unicamente pode comprenderse no marco dunha estratexia política encamiñada a frear o crecente apoio social ao Sinn Féin e ao proxecto de liberación nacional que representa para o pobo irmán da Irlanda.

É así que desde Galiza Nova non podemos máis que amosar o noso rexeitamento pola privación de liberdade de Gerry Adams e a investigación que sobre el se cerne en relación cuns feitos acontecidos en 1972. Así mesmo, sumámonos ao coro de voces que a nivel internacional denuncian que as decisións xudiciais adoptadas nos últimos días responden a intereses políticos claros e non á resolución do caso McConville ao que o propio Adams amosou vontade de contribuír para resolver.

Tamén así, non podemos esquecer que a detención que se realizou do presidente do Sinn Féin constituíu un ataque a todo o construído após a sinatura dos acordos do Venres Santo e un exemplo máis de como os imperialistas inimigos da paz en Irlanda non descansan embora semellar que a resolución do conflito avanzaba con pasos firmes.

Desde Galiza Nova enviamos todo o noso apoio e saudamos a súa posta en liberdade pois é un símbolo para todos os pobos que estamos a loitar pola nosa liberación nacional e social.

Tiocfaidh A´r La´! (O noso día chegará’)
Viva Galiza ceibe e popular!