TODAS SOMOS ELAS. REVÍRATE CONTRA O TERRORISMO MACHISTA!

IMG-20140827-WA0007 A catro meses de rematar este 2014 xa van asasinadas no noso país sete mulleres, 48 horas despois da última vítima polo terrorismo machista, unha muller en Chantada foi tiroteada e atópase moi grave no hospital. No Estado Español xa son máis de medio cento no que vai de ano.

A violencia machista é unha espiral que vai máis alén do recoñecíbel nos medios de comunicación de masas, mesmo alén do que nós podemos percibir. Esta violencia manifestase a diario de moitos xeitos e as sete asasinadas deste ano son os exemplos máis dramáticos e evidentes dela. Isto non é máis que a punta do iceberg dunha sociedade que humilla día a día ás mulleres e que potencia nos homes actitudes de dominación e superioridade tanto no público coma no privado.

Cómo vamos rematar coa violencia machista se continuamos impasíbeis ante as desigualdades máis básicas? Estas sete mulleres foron asasinadas polo simple feito de ser mulleres e nacer nunha sociedade machista e patriarcal que entende as relación a partir da dominación, da dependencia e do control.

20140827_210715Paralelamente estamos vendo desde hai anos unha ofensiva patriarcal por parte do PP tanto da Xunta como do Goberno estatal, ao eliminar o Servizo Galego de Igualdade, os centros afectivo-sexuais ou a proposta de derrogación da lei do aborto que ten o seu punto de partida na retrógrada Lei de Familia. Ou promovendo a educación diferenciada por sexos coa nova lei educativa, LOMCE. Ignorando a esta lacra que é a violencia machista ao non activar os protocolos adecuados e non realizar campañas contundentes contra o silencio e a complicidade, promovendo a coeducación para camiñar cara unha sociedade avanzada de respeto e igualdade.

Temos que continuar saíndo á rúa para denunciar todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e condenar políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos até hoxe, deixando na indefensión ás mulleres vítimas da violencia machista.

Revírate contra o terrorismo machista!