Nos últimos anos, as mozas galegas estamos a presenciar unha renormalización dos discursos machistas e patriarcais. Dun xeito sutil e subliminal, vemos como comezan a cuestionarse de novo conquistas históricas do feminismo e a introducirse discursos xa superados, como a estigmatización da vida sexual ou a idealización do matrimonio, a maternidade ou o traballo doméstico como obxectivos vitais. Nun contexto económico e social no que o capitalismo é incapaz de proporcionar á mocidade unhas condicións de vida dignas, a extrema dereita do Partido Popular e de Vox tenta desviar ese descontento contra loitas sociais como o feminismo. Nos últimos anos, pretendeuse trasladar á sociedade a idea de que o feminismo é innecesario e as súas reivindicacións inxustificadas ou superadas.
A realidade é que as mulleres seguimos a sofrer o acoso, o abuso e as agresións sexuais; a ser discriminadas e infantilizadas, a ser excluídas dos cargos e sectores laborais de maior remuneración, a cargar de forma precaria ou non remunerada co traballo reprodutivo e de coidados, a ser cuestionadas pola nosa vida sexual, a ser ignoradas pola ciencia e a investigación, a vivir nunha guerra permanente cos nosos corpos por nos achegarmos a canons estéticos pouco saudábeis e continuamente cambiantes.
Fronte a este auxe da reacción, o PSOE e a esquerda española representada por Sumar, están entregados a un feminismo do sistema, cómodo e carente de contido político, limitado a se pór detrás das faixas e tinguir de lilá os logos durante o 8M, mentres ocultan e desatenden de forma sistemática o machismo dentro das súas propias filas.
O nacionalismo galego é hoxe o único proxecto político deste país verdadeiramente feminista e que reivindica este movemento como o que é, unha loita contra o sistema capitalista. Non é casualidade, é a coherencia dun proxecto de soberanía e igualdade entre pobos e nado da autoorganización que non permite que ninguén quede atrás. Levamos décadas na primeira liña da loita feminista en todos os eidos na que esta se exerceu: polo dereito ao aborto, polo dereito ao divorcio, contra a violencia machista, contra a discriminación e contra a carga dos coidados, entre moitas outras.
Sendo plenamente conscientes do inimigo a enfrontarmos e situadas no lado do feminismo combativo e das mulleres traballadoras, Galiza Nova acredita no feminismo nacionalista e autoorganizado como única vía para enfrontar a reacción e para acadar a emancipación real das mozas galegas. A loita contra o machismo debe exercerse non como un compartimento estanco, senón como unha cuestión transversal ao proxecto de emancipación e soberanía do nacionalismo xuvenil. Para un combate efectivo contra o sistema, a cuestión lingüística, a loita polos servizos públicos como a educación ou a sanidade, o ecoloxismo, a formación e todos os nosos ámbitos de traballo militante han ser executados baixo unha perspectiva de xénero.
Fronte ao auxe do fascismo e fronte ao feminismo cómodo do sistema: feminismo nacionalista, combativo e de clase.
