O antiimperialismo non supón sempre asumir posicións confortábeis perante a presión sistémica. O antiimperialismo é a base para a construción dun mundo onde a liberdade se asentar no respecto á soberanía das nacións e dos pobos. No caso da Venezuela este principio nunca pode ser unha excepción.
Transcorría o ano 1998 e un señor chamado Hugo Chávez presentábase como candidato presidencial cun discurso transformador baseado nun propósito claro: Venezuela non será máis unha colonia do imperio. A súa vitoria baixo esta convicción supuxo o inicio dunha nova era, non só para a Venezuela, senón para moitos países da América Latina que apostaron por proxectos políticos soberanistas en defensa dos seus recursos e dos seus pobos, coñecida esta etapa histórica como a instauración do socialismo do século XXI. No entanto, o perigo para os Estados Unidos na posíbel consolidación dun goberno antiimperialista na Venezuela fixo saltar todas as alarmas desde o primeiro momento, sendo o masivo apoio popular ao goberno chavista unha grande ameaza para a aplicación da coñecida doutrina Monroe. Desde que o pobo venezolano colleu as rendas do seu destino, o imperialismo estadounidense non tomou descanso na procura por desestabilizar o país e por voltar de novo a gobernos títere sometidos aos seus intereses económicos. Así, Venezuela leva sofrendo un acoso e derribo perpetuo durante 27 anos con dous golpes de Estado en 2002 e 2019, ataques a institucións, violencia nas rúas con centos de mortes, campañas de descrédito a nivel internacional e, hai uns días, a punta do iceberg co secuestro orquestrado pola administración Trump do actual presidente Nicolás Maduro e da súa muller Cilia Flores. Un feito sen case precedentes que, non só para os soberanistas, senón para o mundo, merece especial preocupación. Estamos, sen dúbida, ante máis unha grave violación do Dereito Internacional que, ao igual que co xenocidio na Palestina, demostra a seria fraqueza desta rama do dereito por garantir a paz entre nacións e Estados no mundo. Onde está a ONU? Ou a Corte Penal Internacional? Ou a autodenominada comunidade internacional? Nos últimos anos acabamos de ser espectadoras dun xenocidio televisado e do secuestro do presidente dun Estado soberano, mais o silencio e a inacción brillan por si mesmas.
É imposíbel negar que na Venezuela non existen plenas garantías democráticas, certo é que como na inmensa maioría de países polos motivos que foren. Mais a realidade do debate non radica en se é preciso fortalecer a democracia na Venezuela ou non, senón a que atende este problema e quen son os causantes. Como se dicía anteriormente, Venezuela vén sofrendo unha campaña de descrédito, impulsada por numerosos axentes políticos, medios de comunicación e polas clases dominantes venezolanas, que ten xerado un ambiente de enorme crispación, non só coa violencia indiscriminada nas rúas venezolanas, senón xerando unha imaxe distorcida e manipulada no «mundo occidental» da realidade venezolana. Unha imaxe que, desde logo, ten impregnado moi profundamente nas sociedades europeas, a cal pretende facer crer que na Venezuela gobernaba un ditador sanguinario polo cal certos sectores pretenden xustificar o seu secuestro, como se do Hitler se tratase.
Coa impunidade dos EUA, non só coa propia violación da soberanía venezolana, senón tamén coa retórica, aberta e sen filtro, da doutrina Monroe en que se xustifica a invasión para gobernar o propio país e se apropiar do petróleo, é certo que o desenvolvemento dun mundo multipolar, coa existencia de gobernos antiimperialistas, soberanistas e en favor das clases populares, periga máis do que nunca. Con todo, tamén é preciso analizar unha das poucas partes positivas que deu esta agresión imperialista. Como dicía, nas sociedades europeas impregnou un relato en que a oposición venezolana, protagonizada principalmente por figuras como Corina Machado, Leopoldo López, Juan Guaidó ou Antonio Ledezma entre moitos outros, non eran máis que políticos venezolanos que pretendían unha mudanza en positivo e democrática para o país. As sociedades europeas tamén puideron ver no día a día como millares de venezolanos migrantes difundían este relato contra a ditadura criminal do Maduro e en defensa da democracia na Venezuela, sendo as súas opinións a voz da verdade e carente de calquera ideoloxía política. Porén, non negando a existencia de emigración venezolana na procura dun futuro mellor, após moitos anos a escoitarmos o relato da ideoloxía dominante contra o goberno venezolano, o certo é que a actual retórica desta agresión mostrou as caretas que moitas antiimperialistas xa viñamos advertindo desde hai anos. Así pois, non funcionando a vía a vitimización e do falso relato, a dereita e ultradereita venezolanas apostaron decididamente por non ocultaren as verdadeiras intencións desta onda reaccionaria, acabar co chavismo para devolver o poder ás clases dominantes venezolanas e estadounidenses, pedindo e apoiando directamente unha invasión dos EUA e reivindicando a figura do Trump como o libertador da Venezuela. Hai uns días, colando por Vigo uns cartaces da mobilización nacional contra a agresión ianque, unha venezolana achegóusenos para nos recriminar o noso rexeitamento á invasión, en termos de «el pueblo venezolano autoriza y apoya la intervención y entrada de Trump». Nese momento, no canto de discutirmos contra semellante afirmación, apostamos polo silencio xa que, a fin de contas, as máscaras caeron, perderon o control do relato e demostraron o seu falso patriotismo.
Na convicción de que o pobo venezolano consciente resistirá e loitará, máis que nunca cobra importancia a solidariedade internacionalista coa Venezuela en defensa da súa soberanía, paz e prosperidade. Que viva a Venezuela bolivariana e vaian para o carallo, ianques de merda, que aquí hai un pobo digno.
