A cultura do asfalto puido ter unha base razoábel hai anos, cando as vías de comunicación de todo tipo estaban nunha situación precaria na Galiza. Mais na actualidade, a insistencia na política de asfalto e máis asfalto, de estradas e máis estradas, carece de toda lóxica social e económica, constituíndo máis un desorbitado culto á velocidade, ao automóbil e á comodidade sen límites.
Como consecuencia desta liña de actuación, encontramos que na Galiza a sinistralidade viaria é case 50% máis elevada que na media do Estado, coas súas terríbeis consecuencias de persoas mortas, inválidas, feridas e danos materiais e económicos. Estamos a falar de arredor de 150 persoas mortas e de arredor de mil millóns de euros perdidos cada ano como consecuencia da violencia vial, a maiores dos sobrecustos dos seguros, especialmente nas provincias atlánticas.
Polo tanto, hai que inverter totalmente as prioridades. As estradas son de moi custosa execución e mantemento e só se deberían executar de nova planta ou ampliacións e melloras cando estiver moi xustificado. Os maiores esforzos deben ir para mellorar a seguridade vial e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais da forma máis segura, potenciar os camiños de ferro interiores e de proximidade e primar ademais as mobilidades amábeis, a peonil e a ciclista.
O mesmo poderíamos dicir do transporte público, en que a satisfacción das potenciais demandas hai que facelas por medios racionais e adecuados, buscando unha proporcionalidade entre necesidades e medios para satisfacelas. Nun país tan complexo e variado como a Galiza, as solucións uniformes non son válidas; non ten sentido mover un autobús de varias toneladas e altamente contaminante para desprazar cantidades moi pequenas de viaxeiras; non resulta sustentábel nin económica nin ambientalmente. Solucións como transportes á demanda ou similares poden ser unha boa alternativa adaptada ás nosas peculariedades.
Tendo isto en conta, o BNG propón:
—Elaboración dun Plan nacional de transportes e infraestruturas atendendo aos criterios de racionalidade, sustentabilidade e eficacia antes mencionados.
—Dar prioridade á conservación e á mellora da seguranza viaria na rede de estradas galega.
—Transferencia inmediata á Galiza de infraestruturas básicas como a AP-9. Gratuídade das autoestradas galegas.
—Creación dun ente que promova e xestione o futuro tren de proximidade galego (GALTREN). O obxectivo é enlazar os principais núcleos de poboación arredor das cidades cun medio económico, ecolóxico e eficaz como son os camiños de ferro. Tamén conectar entre si cidades que carecen na actualidade deste servizo (Lugo-Santiago).
—Demandar o remate das infraestruturas ferroviarias que permitan vertebrar a alta velocidade na Galiza e a modernización da nosa rede ferroviaria: a conexión por alta velocidade coa meseta, a plena execución do Eixo Atlántico coa construción dos treitos pendentes Ferrol – A Coruña e Vigo – Tui; así como a adecuación a altas prestacións ferroviarias do treito Lugo – Ourense, A Coruña – Lugo e Monforte – Ponferrada.
—Garantir que as vías e os trens de alta velocidade conten coas condicións de seguranza e seguridade acaídas: sistema ERTMS, sinalización correcta, etc
—Mellora do transporte por estrada. Revisión da concesión das liñas interurbanas de autocares, mellora do transporte comarcal e posta en marcha dun Plan Galego de erradicación de pontos negros de accidentes.
—Garantir unha solución real e efectiva ao grave problema de seguridade viaria na A-8. Lexislar para evitar a existencia de estacións de servizo non atendidas por persoas, por razóns de seguranza e de emprego.
—Asumir a competencia plena sobre os nosos portos.
—Asumir a competencia plena sobre os aeroportos galegos e creación dun ente galego de coordinación aeroportuaria encargado de deseñar e implementar unha política aeroportuaria galega baseada na coordinación, especialiación e complementariedade e non na competencia entre os aeroportos galegos e as subvencións públicas a aeroliñas privadas.
—Potenciación do transporte marítimo de mercadorías e pasaxeir@s nas rías, respectando a súa compatibilidade cos usos marisqueiros e pesqueiros do mar.
—Apoio á planificación urbanística orientada a reducir a necesidade de desprazamentos e ampliación dos espazos peonís nos centros urbanos, acompañados da mellora dos servizos de transporte colectivo.
—Fomento da intermodalidade, como garante dunha integración óptima dos diferentes modos de transporte en Galiza; neste sentido, cómpre dotar de conexións ferroviarias os principais portos galegos, especialmente os portos exteriores da Coruña e Ferrol.
— Impulso aos medios de transporte menos contaminantes, como a bicicleta. Para iso, desenvolverase unha política propia ou en colaboración con outras administracións para:
a) Establecer vías ciclistas seguras que fomenten a mobilidade sustentábel entre concellos e permitan explotar o turismo en bicicleta.
b) Solicitar e impulsar a extensión da rede Eurovelo e Vías Verdes na Galiza como vías primarias de comunicación ciclista e cicloturista.
c) Incorporar aparcadoiros para bicicletas nos lugares de interese turístico das vías ciclistas e en equipamentos públicos.
d) Coordinar as accións para o fomento das vías ciclistas con todas as administración implicadas.
e) Crear Mesa Galega pola Mobilidade Ciclista, na que, ademais do Goberno da Xunta, estean representados os diferentes concellos, as deputacións, a Dirección Xeral de Tráfico, as asociacións e clubes ciclistas e a Federación de Ciclismo.
f) Mellorar a seguranza viaria facendo beiravías transitábeis nas estradas con velocidades superiores a 50km/h con alta densidade de tránsito.
g) Sinalizar a presenza de ciclistas nas vías de alta afluencia de bicicletas coa lenda de distancia mínima lateral no adiantamento de 1,5 m.
h) Axustar as velocidades primando os modos de desprazamento ciclista e peonil, adoptando a zona 30 nos núcleos poboados.