Triple feminicidio na Galiza

Esta mañá erguémonos coa nova dos asasinatos de María Elena, Sandra e Alba  vítimas de feminicidio en Galiza, no concello de Valga. Non é o primeiro deste ano na mesma vila, no mes de marzo xa fora asasinada María José Aboi polo seu marido. Con este caso xa son 5 os asasinatos machistas que roubo este ano no noso país.

Nos vindeiros días escoitaremos que non constaban denuncias previas de violencia. Posiblemente depositarase parte da culpa nas mulleres que non denunciaron e non en todas as persoas que dun ou doutro xeito compartían espazos cun asasino e non viron tampouco o perigo nen fixeron nada para impedilo. É preciso que dunha vez por todas poñamos o foco da atención no maltratador, no asasino e non nas vítimas.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova reclamamos a fin da violencia contra as mulleres e esiximos responsabilidades e medidas urxentes para acabar cos feminicidios. Os datos aterradores das estatísticas -que supoñen só a punta do iceberg- xunto con outras múltiples formas de violencia máis invisibilizadas, poñen de manifesto a necesidade urxente dunha resposta. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo inserido nesta sociedade e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade. Precisamos dun sistema xudicial concienciado coa violencia machista, e non unha xurisprudencia coma a do estado español, que con sentenzas coma a da Manada de Iruña ou a de Juana Rivas, demóstranos constantemente que as nosas vidas non son prioritarias. 

Esiximos que a Lei Galega de violencia de xénero sexa efectiva, esiximos recursos e un compromiso de vontade real para acabar co terrorismo machista. Non queremos máis mulleres asasinadas. Non queremos pésames, non queremos minutos de silencio, non queremos loito. Queremos que non haxa ningunha muller máis asasinada.

O movemento feminista galego convoca concentracións en todo o país e Galiza Nova, sairá unha vez máis á rúa porque é urxente que dunha vez por todas se faga unha cobertura dos feminicidios con perspectiva de xénero, que se abran discusións sobre o machismo e a violencia nas escolas. Porque é preciso que se aborde desde idades temperás a violencia de xénero, que se combatan os estereotipos, que se cuestione o poder, as relacións, a violencia machista, que se fale das opresións, dos privilexios de xénero, de educación sexual nas escolas e aulas deste país.

Estaremos na rúa porque urxe considerar a violencia machista como problema social e político de extrema gravidade. Estes asasinatos non poden ser considerados como un máis dunha longa lista de feminicidios. Non podemos asumir a normalización por parte da prensa dos asasinatos machistas cando nos últimos cinco anos, máis de medio cento de galegas foron asasinadas por mor da violencia machista. Máis de 800 no estado español.