Este xoves 23 organizamos un Tuppersex con Mai Insua, psicóloga e terapeuta sexual dende a perspectiva de xénero e diversidade sexual. Convidámoste a participar deste acto aberto sobre sexualidade, diversidade e visibilidade cun coloquio con Goretti Sanmartín, activista feminista e nº2 da candidatura do BNG – Asembleas Abertas, e que a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova organiza en Compostela para presentar a guía de sexualidade que ven de editar. Será ás 22.15 horas no Bar As Dúas (rueira da Oliveira, Compostela). Ademais contaremos cunhas pezas musicais para romper etiquetas e destruír o heteropatriarcado.
Desde Galiza Nova avogamos por outro modelo de relacións entre as persoas, que supere os preconceptos e as categorías e vise unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria na que ningunha persoa que excluída ou discriminada no marco da súa sexualidade. Por iso, reivindicamos a soberanía dos corpos mais tamén unha sexualidade libre, segura e gozosa. Neste senso, non podemos esquecer que, no concreto, as mulleres lésbicas estamos a padecer unha agresión directa froito das políticas reaccionarias, misóxinas e heteropatriarcais impostas por quen nos goberna.