Un cento de moz@s participaron en Pontevedra das Xornadas de Historia de Galiza

xor2“O nacionalismo é máis necesario que nunca para a mocidade ter futuro”

As XVII Xornadas fixeron un percorrido pola historia de Galiza cando se cumpren cen anos do nacionalismo galego coa fundación das Irmandades da Fala.

Un cento de moz@s participaron esta fin de semana en Pontevedra nas XVII Xornadas de Historia de Galiza organizadas por Galiza Nova, organización xuvenil do BNG.

Durante dous días a mocidade puido coñecer unha parte da historia oculta do noso país. Neste senso, o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, asegurou que “debemos coñecer a historia do noso país para fortalecer o nacionalismo” como unha “ferramenta chave” para “construír o noso futuro”.

Ao longo desta dupla xornada as persoas participantes puideron afondar na historia do nacionalismo galego durante o primeiro terzo do século XX a través da ponencia impartida polo profesor e historiador Uxío Breogán Diéguez-Cequiel.

Asemade, as mozas e mozos coñeceron en dous roteiros a vida dalgunhas mulleres senlleiras da cidade. Baixo o título ‘Do gris ao violeta’ a organización xuvenil quixo rescatar a memoria feminina de Pontevedra e pór en valor o protagonismo das mulleres ao longo da historia, tantas veces oculto.

xor 1Noutro percorrido as persoas que participaron nas xornadas puideron coñecer a vida, obra e pensamento de Daniel Castelao no 130 aniversario do seu nacemento. Unha figura central da historia deste país e do nacionalismo galego.

Tamén así, senllas charlas-coloquio afondaron na historia do movemento estudantil nacionalista através do coñecemento de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e no papel que cumpre a mocidade galega na construción dunha sociedade máis xusta e soberana.