Hoxe, 17 de decembro cúmprese un mes dende que comezaron as mobilizacións no estado francés dos autochamados “chalecos amarelos”, cada sábado e xa van cinco enchen as rúas de todas as cidades de Franza.
Debemos analizar o movemento dos “chalecos amarelos” dentro da súa complexidade, con tendencias diverxentes, xa que a súa plataforma reivindicativa inicial era pobre e o seu horizonte político limitado (por non dicir inexistente). En catro liñas moi breves imos verter un pouco de luz sobre que é este movemento e en que momento nace.
Antes de nada, hai que facer fincapé no precedente destas mobilizacións, e é que Emmanuel Macron puxo en marcha en menos dun ano de mandato o 74% das reformas que levaba no seu programa electoral: Unha ofensiva brutal contra as clases populares. Diminución drástica do imposto ás grandes fortunas, o cal implicou que mentres que os máis ricos aumentaban un 20% os seus ingresos, os pobres facíano nun 1%. A isto hai que sumarlle unha reforma laboral que facilitaba a eliminación dos convenios colectivos ou unha reforma ferroviaria que que atacou as condicións dos traballadores do ferrocarril e continuou o proceso de privatización das liñas de tren. Mais as políticas neoliberais de Macron non remataron aquí…
Como comeza e cando?
O primeiro que temos que saber é que Franza ten un dos impostos en carburantes máis altos do mundo. A finais de setembro, o goberno francés anuncia unha nova subida nos impostos para xaneiro do 2019 (6,5 céntimos o litro de gasoil, 2,9 céntimos o litro de gasolina sen chumbo de 95). Automaticamente créase un clima de descontento na sociedade que se transmite sobre todo a través das redes sociais e de maneira nada organizada.
O sábado 17 de novembro ten lugar a primeira das mobilizacións, con cortes nas autoestradas, xuntando a máis de 300 mil persoas en todo o estado. Durante unha das múltiples manifestacións, unha persoa falece e 227 son feridas polas cargas policiais, sete delas moi graves. As mobilizacións continúan nos seguintes catro días, deixando máis de mil persoas detidas, preto de 570 feridos e unha vítima mortal.
Quen son?
É a Franza branca e pobre. Malia a porcentaxe tan alta de poboación negra que ten o estado francés, a súa participación é mínima, xa que dende sempre este colectivo viviu sempre nas aforas das cidades e na súa maioría utilizan o transporte colectivo.
Este novo imposto dos carburantes afecta máis que nada ás familias obreiras que cada vez se ven máis vivindo na metrópole das cidades, sendo expulsadas dos centros urbanos e incluso das periferias urbanos debido ao aumento dos prezos de alugueiro e das vivendas urbanas e a expansión espacial das cidades. Neste espazo e contexto, a dependencia do carro é indispensábel (traballo, crianzas, xestións administrativas, ir ao médico, vida social e ocio…). De aí o carácter obrigatorio dos gastos en carburantes para estes fogares e en consecuencia, vista a súa precariedade orzamentaria, a extrema sensibilidade desta xente respecto ao seu prezo.
Dende a orgullosa París, ata a clasista Bordeos e pasando pola multicultural Marsella, arden Starbucks, coches da policía e as tendas de Apple son saqueadas.
Daí nace a opción das súas formas de actuar (bloquear a circulación de coches para sensibilizar nun inicio aos condutores) e a selección do símbolo da convocatoria (o chaleco amarelo).
As manifestacións seguiron espallándose por toda Franza sen organización de ningún tipo e deixando á marxe a principal ferramenta de loita obreira, os sindicatos. Malia que as imaxes que chegan a nós son case sempre de París, as mobilizacións espállanse por cada vez máis cidades sendo máis numerosas e chegando a outros colectivos (feministas, LGBT, estudantís, obreiros, sector servizos…) repetíndose todos os sábados. Dende a orgullosa París, ata a clasista Bordeos e pasando pola multicultural Marsella, arden Starbucks, coches da policía e as tendas de Apple son saqueadas. Deixando ata o momento case 3 mil detidos, 3 persoas falecidas e case mil feridas. Son as vítimas das políticas austericidas levadas a cabo por todos os gobernos europeos dende fai 40 anos, as cales se traduciron para estas capas da sociedade na degradación das súas condicións de emprego, de traballo e soldos. Na degradación e incluso a desaparición dos servizos públicos.
A subida dos impostos aos carburantes era unha medida para loitar contra o cambio climático e acelerar a transición ecolóxica. Mais os camioneiros e transportistas que se ergueron nun inicio contra ela sinalaron dende o primeiro momento que, co seu soldo de 1.500 euros e alugueiros de 700, 800 ou 900 euros, non estaban dispostos a asumir unha soa subida máis.
“Morte ao caviar, viva o kebab”. Esta frase apareceu pintada nunha das mobilizacións deste mes, a cal resume como é visto Macron polo pobo francés: un tecnócrata, un ex-banqueiro desconectado dos problemas reais da poboación para chegar a fin de mes, un elitista que aplica políticas contra o pobo.
Non podemos esquecer que Emmanuel Macron, o mandatario galo máis novo dende Napoleón, foi presentado como o candidato capaz de vencer á extrema dereita de Marine Le Pen e ao seu Fronte Nacional e de insuflar novos folgos no motor franco-alemán para contrarrestar as políticas austeras da chanceler Angela Merkel. A día de hoxe a súa aprobación acada un 20% entre a poboación francesa.
Cales son as súas reivindicacións?
A composición sociolóxica do movemento serve para explicar os límites orixinais no terreo político e ideolóxico. As súas reivindicacións inmediatas limitáronse a esixir unha redución dos prezos do carburante, mais as súas pretensións ampliáronse, entre as cuestións principais recóllese o restablecemento do imposto aos máis ricos, o cal foi derrogado polo actual presidente, subida do salario mínimo, activación dun plan real e efectivo contra a pobreza, limitación dos prezos dos alugueiros, redución da fiscalidade directa ou a derrogación das últimas reformas laborais.
O 10 de decembro, o presidente francés anunciou un paquete de medidas para calmar as protestas e mobilizacións, na cal recollía unha falsa subida do salario mínimo, e que non ía supoñerlle un céntimo á patronal, co cal sería o pobo francés quen pagaría esta subida. Unhas declaracións que non fixeron máis que agravar a situación.
Após un mes de mobilizacións, en que punto se atopan os “chalecos amarelos”?
O 10 de decembro, o presidente francés anunciou un paquete de medidas para calmar as protestas e mobilizacións, na cal recollía unha falsa subida do salario mínimo, e que non ía supoñerlle un céntimo á patronal, co cal sería o pobo francés quen pagaría esta subida. Unhas declaracións que non fixeron máis que agravar a situación.
Mais a isto hai que sumarlle o atentado no mercado de Nadal que tivo lugar ao día seguinte en Estrasburgo, no cal faleceron tres persoas e que borrou por completo aos chalecos amarelos das portadas dos xornais de todo o estado. Alén disto, en moitas cidades as mobilizacións estaban prohibidas, polo que o último sábado o movemento decantouse por asentadas colectivas.
O certo, é que nesta última semana, o movemento perdeu forza e posición en Franza, mais xa se estendeu a Bélxica, onde chegou ao centro de Bruxelas e aos Países Baixos cunha crítica ás políticas de austeridade dos gobernos europeos e a este modelo da UE. O que pasará a partir de agora e como rematará esta aposta de discurso europeísta, está por ver…