Que será da Galiza cando cada galega poida camiñar coa cabeza erguida, sen medo a que lle arrinquen a fala, a terra e a historia? Que será do noso pobo cando o espolio deixe de ser o noso presente para se converter en lembranza dun pasado superado? Imaxinemos esa Galiza futura, ceibe e orgullosa, onde o mar e os montes non estiveren ao servizo de máis ninguén que do seu propio pobo. Imaxinemos, porque hoxe é o momento de sementar esa realidade.
Galiza leva séculos sometida ao xugo do Estado español, sob o peso dun colonialismo estrutural que a día de hoxe segue a marcar a vida de todas as galegas. A nosa terra é obxecto de saqueo continuo dos seus recursos, naturais e humanos, mentres se nos nega a capacidade de decidirmos o noso propio destino.
Lenine sinalaba que esta é a fase superior do capitalismo, unha etapa de expansión onde as grandes potencias anulan as posibilidades de desenvolvemento autónomo dos pobos colonizados. A Galiza de hoxe actúa como unha mera engrenaxe submisa do capital centralista español, onde o noso potencial fica reducido a unha reserva de man de obra barata, enerxía e recursos para o Estado. Os exemplos son incontábeis: as rías e montes que sosteñen a nosa economía ven os seus recursos saqueados por multinacionais. Os eólicos que erosionan a nosa paisaxe reverten os beneficios fóra da Galiza. Mesmo a emigración forzada da mocidade galega é máis unha proba de como o Estado utiliza a nosa terra, xeracións enteiras que abandonan o país na procura de mellores condicións de vida, rematando por contribuíren para o crecemento doutros.
Neste contexto, a opresión cultural e social que sofremos é mesmo maior por seren os símbolos da nosa identidade os que poden dar “xeque” ao opresor. No eido lingüístico, o galego é relegado a un segundo plano, empurrado ao abandono e ao desprezo. Nun sistema educativo que impón o castelán, a lingua galega, a nosa identidade máis profunda, atópase sob ameaza de morte. O colonialismo non se trata só da extracción de bens materiais, senón tamén da violenta erosión do noso ser como pobo.
Este proceso destrutivo, que xa ben coñecían os vellos membros do Partido Galeguista o século pasado, segue ben vixente. Galiza non atopará no Estado español un espazo para a súa emancipación, porque o proxecto de España está construído sobre a negación das nacións, sobre o esmagamento de calquera posibilidade de autodeterminación.
Porén, esta situación de subordinación colonialista non é inevitábel. Galiza conta con todo o necesario para prosperar como un pobo ceibe, mais iso require rachar cos lazos que nos atan ao Estado español. A independencia non é un soño imposíbel, é unha ferramenta necesaria para superar as cadeas dun sistema deseñado na nosa contra.
“Por un futuro de noso” significa loitar por un día en que cada vila, cada ría ou cada palabra dita en galego sexan testemuña dunha liberdade conquistada. É tempo de nos erguermos, de camiñarmos xuntas, de rompermos as cadeas que nos atan. Que sexa hoxe, que sexa agora, porque só a través do noso traballo diario acadaremos unha Galiza digna e libre, unha Galiza na que vivirmos ceibes.