O PP só suma coa privada. Artigo Daniel Castro

Daniel Castro

Levamos meses vendo como as universidades privadas teñen a Galiza no punto de mira para seguir enriquecéndose a troco de dar títulos universitarios. O que hai uns anos comezara coa Universidade Abanca (UIE) semella que agora vai continuar cunha nova compañeira chamada Universidade Emilia Pardo Bazán.

Tamén fomos vendo como mes tras mes apareceron novas titulacións que se van ofertar incumprindo todas a Lei galega de universidades de 2013. Dereito, Psicoloxía, ADE ou Enfermería parece que van pasar a ser unha opción para aquelas persoas que poidan mercar con diñeiro estas titulacións.

Onde quedou a meritocracia? Pois neste contexto privatizador da nosa educación asistimos atónitos e atónitas a un novo capítulo negro para a universidade pública galega. No pasado maio, puidemos ler que o goberno do PP decidiu sen ningún tipo de diálogo co sector e de maneira unilateral acabar co mestrado en Matemáticas na USC.

Esta decisión tomada polo Secretario Xeral de Universidades José Alberto Díez de Castro sen ningún tipo de informe e/ou argumento científico conseguiu acadar a unanimidade de todos e todas. Deste xeito, topouse de fronte con todo o sector da docencia, do estudantado, da investigación e das organizacións políticas que son conscientes das graves consecuencias que esta medida pode supor.

En primeiro lugar, o máis obvio é que impide ao alumnado de último ano do grao poder acabar os seus estudos no seu país, obrigándoos a marchar a cidades como Madrid ou Barcelona, unha inxustiza que se leva a cabo nun momento en que a Galiza ocupa a cuarta posición das CCAA con maior fuga de talento do Estado español.

En segundo lugar, esta decisión é un freo evidente á investigación no noso país. Galiza segue estando por baixo da media estatal en investimento en investigación e, a pesar desta realidade, o Partido Popular prefire pór máis dificultades para que o estudantado galego poida dedicarse á investigación no país onde naceu.

Por último, o goberno de Rueda di non á ciencia. Estamos a falar de que os indicadores de produción científica, proxectos competitivos e teses de doutoramento defendidas polo profesorado vinculado a este mestrado presentan niveis que igualan ou superan os doutras universidades de referencia a nivel estatal, mais para o PP isto non é o importante.

Fronte a esta decisión acientífica, irracional e ditatorial do Partido Popular, o nacionalismo galego defende os dereitos do estudantado, da universidade pública, a que nos iguala a todos e todas e dos investigadores e investigadoras que, a pesar das dificultades, queren seguir traballando no noso país.

Por isto e moito máis, estamos coa Plataforma na Defensa do Mestrado en Matemáticas, porque temos claro que a Pública sempre suma e que o Partido Popular sempre resta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *