Iria Buide, militante de Galiza Nova en Lugo e integrante da Dirección Nacional.

A Falanxe Rosa (tamén coñecida como UPYD), a quen nós considerabamos xa extinta, resurdiu esta mañá do 18 de Xullo (que apropiado!) para denuciarnos ante Patrimonio por despregar desde a Muralla Romana de Lugo a bandeira da patria. Alegan, para iso, que ao ser a Muralla Patrimonio da Humanidade “no es una valla publicitaria que puedan usar los nacionalistas a su antojo”. Calquera escusa é válida, ou así debe pensar esta xente, para sacar un nimio rédito político dun acto simbólico organizado coa intención de visibilizar o que tanto lle gusta ao españolismo e ao fascismo ocultar: que Galiza é unha nación. Unha nación que celebra o vindeiro 25 de Xullo o seu día e ao que nós convidamos á mocidade a acudir. Pero ao fin e ao cabo tampouco debemos sentirnos abraiados polo comportamento desta xente sabendo quen é e como pensa a súa antiga líder, unha das fundadoras deste partido, Rosa Díez quen nunha entrevista a CNN afirmaba, ao ser preguntada por un personaxe político: “podría ser gallego en el sentido más peyorativo del término” demostrando así un desinterese e unha falta de respeto absoluto aos galegos, é dicir, un verdadeiro acto galegófobo.

Hai algo que parece que día tras día e ano tras ano, na nosa actividade militante social e política, a esfera máis antidemocrática, reaccionaria e española non quere comprender, é que nós temos un proxecto ben diferenciado do que queremos para o noso país, un proxecto estudiado e traballado que tentamos espallar día a día co noso traballo constante por todas as vilas e cidades de Galiza. Pero a eles pouco lles importa Galiza, pouco ou nada. Demóstrano día a día e este intento de reprimirnos e calarnos non é máis que unha nova mostra. Tampouco lles importa o patrimonio, non nos enganemos, non montan todo este espectáculo pola nobre causa de dignificar á pobre Muralla de Lugo á que nunca lle prestaron atención. Unha Muralla que non sufriu ningún dano cando nós penduramos, coas nosas mans, unha bandeira por un dos seus laterais pero que si sufre, día a día, cada vez que un coche pasa zumbando ao seu redor porque non se peonaliza a ronda ou que alguén a ensucia inundándoa de lixo ou arrancándolle as súas pedras para lanzalas á rúa. Nunca tiven eu, que levo toda a miña vida vivindo en Lugo, o pracer de ver aos señores de UPYD defender á Muralla dos moitos agravios que se lle causan pero hoxe si, hoxe, no 18 de Xullo tiñan que presentar unha denuncia en Patrimonio porque un grupo de rapazas sen malas intencións subiron a un dos tres patrimonios da humanidade lucenses a sacar unha foto sen facerlle mal a nada nin a ninguén.

Que queren entón? Rédito político, como non. Recordar que están vivos aínda e que combaten incansábeis calquera mostra de conciencia nacional e de loita pola soberanía dos pobos oprimidos que poidan atopar. . Chegando ata o punto de ameazarnos con chíos como “veña, a ver se hai sorte, e pagades unha multiña por caraduras”.

Ante estas ameazas constantes ás que xa estamos tan acostumadas en Galiza Nova só nos resta dicir: nós non calaremos! Ninguén, por moitos medios de represión que empregue na nosa contra, é quen de parar á mocidade galega en pé pola nosa terra, pola nosa patria, pola nosa Galiza e é por iso que seguiremos saíndo á rúa nesta Semana da Patria, espallando por todo o país a bandeira xigante e sacándoa novamente á rúa os días 24 e 25 de Xullo en Compostela. Non calaron aos que nos precederon e tampouco nos calarán a nós!

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *