Ante a conmemoración da Constitución española, Galiza Nova organiza un acto aberto este xoves ás 17hs na ponte romana de Ourense, para denunciar o sistema español profundamente corrompido, que funciona como cárcere dos pobos e como amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer (como é o caso dunha media de 7 desafiuzamentos diarios na Galiza) e que nega a soberanía do pobo galego e a lexítima capacidade de decisión do mesmo.
Fronte aos cantos de serea da progresía española, denunciamos que a Constitución española non é reformábel para beneficio dos pobos, pois é filla dos que se alzaron no 1936 e cuxo legado continúan as forzas españolas da esquerda e da dereita que apoiaron e votaron pola Constitución, e que só a reformaron de costas á sociedade para satisfacer os intereses dos oligopolios e cargar ás galegas e galegos coa débeda do capital financeiro.
Por iso, dende Galiza Nova chamamos á mocidade galega a rachar coa Constitución española e a crear un novo marco xurídico e social na Galiza, xusto, solidario, que emane das galegas e dos galegos e que estea ao servizo da mocidade e do pobo, é dicir, a erguer entre todas e todos unha sociedade nova: A REPÚBLICA DA GALIZA!
A súa constitución é a nosa mordaza!
Independencia para mudalo todo!