Venezuela e o imperialismo
O imperialismo tomou o fusil. Sobre o terreo, despregamento naval, execucións extraxudiciais e operacións encobertas da CIA. Sobre os xornais, a oportuna concesión do premio Nobel á mesías da democracia. Todo está pronto para derrotar o narcotráfico e devolver a liberdade a Venezuela.
Porén, a retórica do imperio engana cada vez menos. Por baixo do «combate ao narcotráfico» emerxe a verdadeira fonte de disputa, a maior reserva mundial de petróleo. Unha vizosa oportunidade de investimento que Corina Machado xa prometeu entregar ás empresas estadounidenses. Ben o vale a democracia.
O imperialismo estadounidense constitúe hoxe a maior ameaza á vida e á democracia desde o III Reich. Washington arrógase un dereito total e exclusivo de soberanía planetaria: todo para si, nada contra si. A legalidade internacional e a soberanía dos pobos son linguaxe incomprensíbel para o Imperio. A pax americana edifícase con sangue e ten unha mensaxe: ningún país ten dereito á soberanía, ningún pobo pode ameazar a hexemonía estadounidense.
Quen resistir, que enfronte as consecuencias: o Imperio está disposto a afogar e esmagar quen se opuxer, mesmo ignorando a lei internacional e os ditames da ONU. Ás veces é coa forza militar; outras, coa violencia económica.
O seu relato é, alén diso, incuestionábel. Son xa medio cento as execucións extraxudiciais cometidas na costa caribeña polos EUA, sob o pretexto do combate ao narcotráfico e sen probas de ningún tipo. Non as precisan: quen cuestiona o relato é inmediatamente acusado de operar contra a democracia.
Quen viola a democracia non pode traela
As sancións e as execucións extraxudiciais, así como as anunciadas operacións en solo venezuelano da CIA (!) constitúen actos inherentemente antidemocráticos no plano internacional. Que lexitimidade ten Washington para determinar que gobernos estranxeiros son ou non son democráticos, para intervir, depor e colocar presidentes á vontade? Como pode traer a democracia quen a nega radicalmente, superpóndose a calquera tipo de legalidade internacional?
É un mal necesario, argumentarán os defensores do Imperio, para un ben superior. Depoñamos toda inxenuidade. Os EUA non se importan cos dereitos humanos nin coa democracia. Son innúmeros os gobernos chumbados pola CIA, todos cun trazo en común: cuestionaren, dun xeito ou doutro, o dereito de soberanía planetaria que os EUA se outorgaron. Algo, aliás, especialmente intolerábel para o Imperio se acontece no seu cortello: América Latina.
Mussolini invadiu Etiopía co pretexto de a liberar da escravitude. Hoxe, os EUA tamén falan en liberdade antes de traeren sangue. No fondo, é certo: cando axitan a bandeira da liberdade, axitan a liberdade de as súas empresas faceren negocio, a liberdade de deporen gobernos sen oposición, de ditaminaren, de Washington, que eleccións valen e cales non, de discriminaren entre terroristas e guerreiros da liberdade.
As sancións económicas son un acto de guerra
«Facede que a súa economía berre de dor» era a palabra de orde estadounidense contra o Chile de Salvador Allende. Medio século despois, a guerra económica segue a ser unha arma esencial do imperialismo americano e, alén de toda dúbida, a máis mortífera. Son decenas de miles as mortes causadas polas sancións estadounidenses en Venezuela.
Por tanto, defender a liberdade de Venezuela é, en primeiro lugar, defender o seu dereito ao desenvolvemento económico, ao comercio internacional e a se relacionar en pé de igualdade co resto de pobos do mundo. Nada diso é posíbel baixo o peso esmagador das sancións, cuxo obxectivo declara o goberno americano de xeito transparente: producir o maior dano social posíbel, reducir ao mínimo as condicións de vida do pobo, matar de fame e sede. As sancións son unha forma de terrorismo e un acto de guerra.
Entender o imperialismo como sistema
Só podemos combater efectivamente o imperialismo se o entendemos como un sistema que se manifesta de xeitos múltiplos: na suba do gasto militar europeo, que é na práctica un tributo aos EUA, no xenocidio que sofre a Palestina, no embargo a Cuba e na agresión aberta contra Venezuela.
Oporse ás inxerencias estadounidenses non significa apoiar un goberno estranxeiro, senón respectar a legalidade internacional e o dereito de cada pobo a decidir o seu futuro internamente. Lexitimar a intervención unilateral estadounidense por se opor a este ou aquel goberno é un paso moi perigoso, pois significa outorgar a Washington o privilexio de decidir que gobernos son lexítimos e cales non de xeito unilateral. Noutras palabras, significa consagrar o dereito á soberanía planetaria dos EUA. Hoxe é Venezuela, mañá podemos ser nós.
A tarefa da mocidade nacionalista
A mocidade nacionalista debe ser firme nas súas posicións anti-imperialistas. Non debemos ter medo en confrontar a ideoloxía dominante para sementarmos consciencia. É unha tarefa ardua e, por momentos, heroica, mais irrenunciábel para un proxecto verdadeiramente transformador e que ten por bandeira a defensa da liberdade en todas as súas formas.
O noso traballo debe ser espallar entre a mocidade a bandeira da loita antiimperialista, que no noso país se manifesta na loita contra a OTAN e pola construción dun estado nacional-popular galego. Asumamos, con ese horizonte, a tarefa de desenmascarar o Imperio, de lle retirar as roupas con que se oculta, de espir as súas intencións. Mostremos ao pobo cada mentira, cada propósito oculto e cada operación encoberta. Fagamos todo isto coa consciencia nítida de loitarmos por un mundo sen servos nin amos.
