Para o pobo venezolano (e quen poida interesar). Artigo Álex Bastero

Alexandre Bastero representou a Galiza Nova no Congreso Mundial da Mocidade Antifascista en Caracas

“Para o pobo venezolano (e quen poida interesar)”. Así escribía Hugo Chávez en 2002, no medio do seu cativerio tras o golpe de estado fallado, unha carta que marcaría para sempre o rumbo da Revolución Bolivariana. Aquela frase foi moito máis que un chamamento: foi a semente dunha loita que transcende fronteiras, unha loita que recoñece que a soberanía nunca é só unha cuestión interna, senón unha batalla mundial contra quen pretenden esmagar os pobos. Foi iso, precisamente, o que sentimos en Caracas. Nunha Venezuela viva, chea de esperanzas, tivemos o privilexio de compartir o alento dun pobo que loita, coma nós, por ser dono do seu destino.

Nas rúas de Caracas, na calor das súas comunas, nas súas misións, puidemos ver un espello da nosa propia loita. Como na Galiza, na Venezuela latexa o corazón dun pobo que resiste, que non se rende, que se ergue cada día fronte aos embates do imperialismo.

O Congreso Mundial da Mocidade e do Estudantado Antifascista non foi só un encontro, foi un espazo onde as palabras “dignidade” e “soberanía” cobraron o peso que merecen. O antifascismo internacionalista que alí se respiraba non é un concepto abstracto, senón unha forza viva que nos une como humanidade. Cada intervención, cada achega das delegacións presentes foi un recordatorio de que a loita de cada pobo pola súa liberación é tamén a nosa.

Ao longo dos días en Caracas, a cidade converteuse nun grande foro onde mozas de todos os continentes analizamos, debatemos e propuxemos estratexias para enfrontar o neofascismo. Esa ameaza mundial, que viste novas cores, mais segue operando baixo os mesmos principios de odio, explotación e exclusión. Nunha axenda ampla, na que participaron organizacións xuvenís, colectivos sociais e movementos políticos trouxeron ás mesas de debate as súas propias experiencias de resistencia.

Tamén tivemos a oportunidade de participarmos na marcha polo Día Nacional do Estudante Venezolano. Alí, no medio do fervor, entre bandeiras e cánticos, sentimos mais unha vez que a mocidade somos a chispa que pode mudalo todo.

O pobo venezolano ensínanos que a soberanía non se outorga, conquístase. E conquístase coa forza dun pobo organizado, con solidariedade e coa convicción de que non hai cerco, sanción ou ameaza imperialista que poida dobrar quen está decidido a ser libre. Nas comunas, como “El Panal”, vimos un pobo que xestiona os seus recursos constrúe o seu propio destino. Nas misións sociais bolivarianas, descubrimos o inmenso poder da solidariedade como ferramenta de emancipación.

Galiza e Venezuela son dúas terras distantes, si, mais unidas por un mesmo fío: a loita pola soberanía, a loita contra quen quere esmagar os nosos pobos e negarnos o dereito a sermos quen somos.

Ao regresar á Galiza, traio comigo non só a memoria de todo o vivido, senón tamén un compromiso renovado. Compromiso co pobo, coa lingua, coa terra e con esa chispa de resistencia que vimos na Venezuela. Porque, como dixo unha vez o Comandante Chávez:

O que nos espera é batalla, batalla, batalla e máis batalla; mais tamén vitoria, vitoria, vitoria e máis vitoria, porque ese é o noso camiño: ¡batallas e vitorias!

Que viva a Galiza Ceibe! Que viva a Revolución Bolivariana! Que viva a loita dos pobos do mundo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *