Vigo: Encendendo luces, apagando á mocidade

A cidade de Vigo leva sufrindo o continuo desmantelamento da súa política para a mocidade, porén iso non foi sempre o caso. En 1999, co goberno municipal nacionalista Vigo gozaba dun grande apoio ao tecido xuvenil institucional, quedando reflectido en programas como “Móvete con Vigo” e “Noites Vivas”. Ademais, dotárase á cidade de actividades e servizos xuvenís co reforzo á Casa da Xuventude, conseguíndose crear programas como Súbete ó Castro en 2001 e posteriormente abrindo o Punto Xove en 2007. Súbete ó Castro era un espazo xuvenil que apoiaba a creación musical da cidade, tendo os primeiros locais de ensaio municipais, formando musicalmente de balde e impulsando os CastroConcertos, galardoados pola súa promoción musical e consolidación da escena musical viguesa.

Alén disto, Súbete ó Castro xermolou iniciativas coma A liga de Improvisación para Xóvenes Afeccionados (Lixa) e outros proxectos de promoción á cultura e deporte urbanos. No en tanto, o Punto Xove asentouse coma unha boa alternativa ao modelo de lecer nocturno de consumo de alcol, atendendo a milleiros de mozos e mozas ao ano. No 2011, o Vigosónico abriría en Valadares: un ambicioso proxecto adicado ao apoio da creación musical da xente nova. Contaba con salas de ensaio, cabinas de formación e mesmo un estudo de gravación, os cales foron empregados por centenas de grupos e artistas. No seu seo desenvolveuse un amplo programa de actividades, tanto formativas como de lecer, e achegaba diferentes colectivos para a realización de eventos.

Sería a partir do 2014 que comezaría a desfeita co feche de Súbete ó Castro. Xustificado coma un proxecto de renovación, tornaríase nunhas obras nunca realizadas. En 2017 fecharía tamén o Punto Xove, mentres as actividade da Casa da Xuventude reduciranse ate o seu mínimo. Este desmantelamento do actual goberno municipal continuou este ano 2020 co Vigosónico. Nun principio cesando as súas actividades por mor da pandemia do coronavirus, o Vigosónico non volvería abrir cando si o fixeron a meirande parte dos espazos municipais. Ademais, suspéndese o proceso de licitación para a prestación do servizo, licitación que remata o consistorio local en novembro sen adxudicación e sen aplicar a prórroga prevista en marzo.

Consecuentemente, queda o Vigosónico sen apertura e sen empresa que preste o servizo, constituíndo un exemplo de xestión neglixente que non pode ser xustificada na actual situación pandémica. De non abrirse o Vigosónico e corrixirse a actual política xuvenil municipal, Vigo quedara na cola das sete cidades galegas nesta materia, deixando á mocidade nunha situación cada vez máis precaria. Úrxese pola reversión e cambio estrutural da política xuvenil municipal actual, desentendendo as necesidades da mocidade en políticas sociais no acceso ao emprego e á vivenda, e nas políticas socio-culturais de formación e lecer saudábeis.

O QUE PROPOÑEMOS

Desde Galiza Nova entendemos que é imperante que o concello de Vigo pare a súa política de maltrato á mocidade viguesa, comezando pola constitución dun marco de políticas para a xuventude destacando:

  • A reapertura do Vigosónico no menor espazo de tempo e coas máximas garantías.
  • A recuperación de programas de dinamización da mocidade como o “Súbete ao Castro” , adaptados á situación actual.
  • Comezar a delimitar espazos para un ocio alternativo ao consumo, como era o Punto Xove.
  • Recuperación dos servizos e actividades para a mocidade ligadas á Casa da Xuventude.
  • Creación dun Consello da Mocidade de Vigo, plataforma que poida coordinar e representar ás entidades xuvenís da cidade.
  • Despregue de novas accións e programas municipais orientados ás necesidades da mocidade viguesa: a creación de espazos que potencien a creatividade como talleres culturais; a apertura de centros de formación profesional, social e tecnolóxica e centros de protección ao medio ambiente; a atención das necesidades emprendedoras e de emprego da mocidade.
  • Creación dun banco non lucrativo para financiar os proxectos da xente nova e a creación de proxectos de intercambio entre o mundo profesional e educativo.
  • Creación dun espazo de observación e debate público que permita á xuventude viguesa ter unha aproximación crítica.

Así, con políticas do século XXI Vigo acadará ser unha cidade do século XXI, e para iso a mocidade tamén debe estar presente.