Orgullo e loita de clases: a violencia LGBT+fóbica como ferramenta do sistema. Artigo David Bouzada.

David Bouzada

O Orgullo LGBT+ non é un mes de bandeiras e festa corporativa. É, ante todo, unha afirmación de existencia contra un sistema que necesita oprimir, dividir e excluír para manterse. O capitalismo, na súa fase imperialista e en crise, non só crea nacións asoballadas como a nosa e explota as clases traballadoras, tamén sinala, persegue e asasina a quen non encaixa nos seus moldes de xénero e sexualidade. As persoas LGBT+ somos o inimigo perfecto para un sistema que busca chivos expiatorios mentres desvía a atención da súa propia violencia estrutural.

Nos últimos meses, as agresións LGBT+fóbicas aumentaron de forma alarmante na Galiza. Non é unha casualidade, é a consecuencia directa do auxe dos discursos fascistas, belicistas e españolistas, que necesitan fabricar un inimigo interno para xustificar a súa autoridade. Cando o capitalismo entra en crise, a burguesía e os seus aparellos ideolóxicos intensifican a opresión sobre os corpos disidentes. As pancadas nas rúas, os insultos nos institutos, as persecucións nos barrios non son feitos illados, son a punta de lanza dunha violencia que o sistema tolera, cando non promove.

Mais esta violencia non é aleatoria. É estrutural. Aliméntase de prexuízos, ignorancia e do silencio cómplice das institucións. Un silencio que permite que o odio medre mentres as persoas do colectivo vivimos situacións cada vez máis precarias.

As empresas multinacionais, os bancos, as grandes superficies promociónanse utilizando a nosa loita durante o mes de xuño e esquecendose de nós en xullo. É a mesma burguesía que nos explota como traballadoras, a que nos «celebra» como consumidoras. Mais a nosa existencia non é un produto, é unha ameaza para a súa orde. Isto vese reflectido no acontecido este ano, co auxe dos discursos de odio cara a nós, vemos como moitas destas empresas desbotaron xa esta estratexia de mercantilización da imaxe do colectivo.

Por iso, o Orgullo debe ser un espazo de reivindicación. Non podemos separar a nosa loita da loita contra o capitalismo, contra o imperialismo ou contra a militarización das nosas rúas.

E nesta reivindicación, a cuestión nacional é inseparábel. A LGBT+fobia, aquí, non é só ferramenta de control de xénero, senón tamén de asimilación nacional. Porque o sistema sabe que un corpo disidente e orgullosamente galego é dúas veces perigoso: desafía a norma sexual e a cuestiona a opresión nacional. Así, a nosa loita pola liberación sexual e de xénero non pode entenderse sen a loita pola soberanía nacional da Galiza. Liberar o noso pobo é liberar tamén o noso corpo.

Exiximos responsabilidades ás institucións, si, mais tamén denunciamos o seu papel como xestoras da opresión. Non pedimos inclusión no sistema: pedimos a súa destrución. Exiximos o fin da militarización, que non nos protexe: vixíannos, contrólannos e reprímennos. Exiximos espazos seguros, redes de apoio comunitario, organización de base. Porque a nosa liberación non virá das leis do estado burgués, virá da autoorganización nacional e de clase.

Por todo isto, seguiremos loitando por unha Galiza ceibe, libre de LGBT+fobia e de explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *