Este 31 de marzo conmemoramos o Día internacional pola Visibilidade Trans, unha data na que as persoas trans tomamos o altofalante para recuperarmos a voz que nos arrebata a cisnorma, forzando o público a ollar para nós e escoitar as nosas demandas.
Seguimos, máis un ano, constatando a necesidade dunha reforma educativa integral, a través dunha nova lei de educación que permita que as crianzas medren libres da violencia á que nos vemos submetidas as persoas trans, e tamén fornecendo as profesionais públicas dunha formación rigorosa que lles permita atendernos coa dignidade que nos é propia. Neste sentido, entendemos que se fai necesaria a homoxeneización de protocolos de atención sanitaria a persoas trans entre os distintos hospitais e centros de saúde da xeografía galega, partindo das eivas que detectamos na nosa experiencia e de maneira consensuada co tecido asociativo trans galego.
Perante un sistema que nega a nosa identidade e nos trata como cidadanía de terceira clase, Galiza Nova e o BNG seguiremos defendendo o noso dereito a existir frente as políticas do goberno da Xunta, a mans do Partido Popular, que perpetúan a violencia que vivimos no día a día, como demostraron no Parlamento facendo caer a proposta de lei galega de identidade de xénero impulsada polo conxunto das organizacións LGBT galegas. Tamén no eido lexislativo, esiximos sen demora o cumprimento e desenvolvemento da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e non discriminación de persoas LGBTI.Ademais, este ano, desde o confinamento que nos impón a crise sanitaria que estamos a atravesar, diversas asociacións e colectivos, entre os que se encontran a Asemblea Trans de Avante LGBT+, Nós Mesmas, ou a Plataforma Trans, impulsan unha campaña de visibilización que consiste en pendurarmos das nosas xanelas e balconadas bandeiras trans e/ou faixas con mensaxes de apoio ao colectivo trans. Nós, como Asemblea LGBT de Galiza Nova, queremos tamén sumarnos a esta iniciativa, polo que animamos a toda a mocidade a facer público o seu apoio nesta loita.