O problema da vivenda, ou mellor dito, da falta dela, é un problema consubstancial ao capitalismo. É un problema que xa sufrían os proletarios que se amoreaban nas cidades europeas da primeira Revolución Industrial, pagando alugueiros desorbitados por infravivendas, como tan ben estudou no seu día Engels no caso de Inglaterra. Ao longo da historia, cando menos nas sociedades capitalistas, a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna de tal nome foi o estado normal para a maioría da poboación. Só coa expansión do estado de benestar na segunda metade do século pasado melloraron as condicións de salubridade dos fogares e puido unha parte importante da clase traballadora adquirir unha vivenda en propiedade.
Con todo, o feito de que esta situación teña sido a norma, non quere dicir que non sexa problemática. Para a clase obreira, os desorbitados prezos da vivenda supoñen unha perda de ingresos e unha transferencia de rendas cara a burguesía, ben na forma de alugueiro, ou ben no pago dunha hipoteca. É tamén un problema para a pequena burguesía que convive coa clase traballadora nos mesmos barrios populares, ás veces por duplicado, polo feito de que os locais de non poucos pequenos negocios tamén se atopan alugados. E, finalmente, é un problema que afecta singularmente á mocidade das clases populares, por imposibilitarnos a emancipación e dificultarnos construír un proxecto de vida propio. Pola contra, para a burguesía, a vivenda presenta unha oportunidade de negocio especialmente lucrativa cara a que desviar o excedente de capital cara actividades especulativas e non produtivas. O problema da vivenda é, en suma, unha das cargas máis gravosas que impón o modo de produción capitalista sobre as clases populares en beneficio da burguesía.
Porén, o feito de que esta situación sexa unha constante sistémica, non quere dicir que non presente especificidades temporais e xeográficas. No caso galego, a gradual e serodia inserción da Galiza nos mercados, así como as condicións particulares nas que se produciu a transición cara o capitalismo, deixaron á meirande parte da clase obreira galega como propietaria dunha casa de seu. Mesmo nalgunhas ocasións de dúas: o piso de residencia habitual e a casa “dos avós” no rural, herdada dun período non tan afastado no que inda predominaba na Galiza a dispersión poboacional que se seguía dunha economía fundamentalmente agraria. O feito de que Galiza acade a súa plena inserción nas dinámicas económicas do capitalismo desenvolvido nun momento no que xa está consolidado o estado do benestar e que o faga durante un período no que o contexto facilita a compra de inmobles, o chamado boom do ladrillo, fixo que na Galiza o problema da vivenda non se chegase a manifestar ata datas relativamente recentes en toda a súa intensidade. Por iso, até as últimas dúas décadas, o problema da vivenda semellaba atoparse circunscrito a sectores moi específicos que pola súa mobilidade tendían a precisar de vivendas temporais, como o estudantado, algúns funcionarios ou ao segmento máis precario da clase traballadora das grandes cidades.
A crise económica do 2008, foi un punto de ruptura con esta tendencia. A perda de poder adquisitivo da clase traballadora galega, xunto co encarecemento e maior dificultade para conseguir hipotecas dificulta grandemente que a mocidade traballadora adquira unha vivenda de seu como si puideron facer os seus pais. Por outra banda, as saídas que atopou a economía galega para medrar tras a crise viñeron a aumentar o problema da vivenda. Por exemplo, a promoción desenfreada do turismo, que semella ser o único proxecto de desenvolvemento económico que ten a Xunta para o país, ten aumentado fondamente o problema, coa transformación de non poucas vivendas nos centros das nosas cidades en pisos turísticos. A isto hai que engadir os cambios que se deron no mercado na última década e media, cunha progresiva acumulación da propiedade en poucas mans. E a ameaza da entrada do gran capital transnacional, con fondos como Blackrock, cuxa presencia na Galiza é inda simbólica, pero que se están a expandir polo Estado e o seu desembarco no noso país nos vindeiros anos é unha posibilidade real. Na última década a situación non ten parado de empeorar. Segundo o Instituto da Vivenda da Galiza, o alugueiro medio no país duplicouse dende 2014, ao mesmo tempo que o custo da vida en xeral foi subindo por enriba dos salarios. Boa proba da dificultade crecente das mozas para adquirir novas vivendas é o feito de que o alugueiro como forma de tenza da vivenda fora aumentando na última década e media de xeito sostido.
Diante desta situación, resulta lóxico que nos últimos tempos teñan xurdido vagas de protesta fronte a esta situación. Inda que, por veces, estas se presenten cuns tempos marcados pola axenda da política estatal e a influencia dos mass media, son mostras dun descontento social crecente fronte a un problema real que existe no noso país. Por outra banda, deste descontento está a xurdir tamén unha resposta organizada que se plasma nas numerosas plataformas locais e de barrio, así como, a nivel nacional, na organización da Plataforma Galega Vivenda Xa! Unha resposta nacional e popular dende as rúas que é importante apoiar e coordinar coa política institucional para por fin á crise da vivenda e ao sistema que a crea.
