Convócase a XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova

an1A Dirección Nacional de Galiza Nova, reunida nesta fin de semana, vén de convocar a XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, cuxo plenario terá lugar o día 26 de novembro. Por tanto, reiniciamos un debate amplo, profundo e sen límites, aberto á participación de todas as mozas e mozos que queiran achegarse a construír un presente de liberdade e prosperidade na Galiza. Este proceso está destinado a pensar, debater e propor para a revitalización e fortalecemento da autoorganización da mocidade galega e do BNG desde o ámbito xuvenil.

Un proceso aberto a toda a mocidade.

Como proceso aberto, a participación de simpatizantes tamén é fundamental no proceso asemblear de Galiza Nova, por iso as conclusións dos encontros de mocidade realizados no marco do proceso Adiante de refundación do BNG serán base para a redacción das teses da Asemblea Nacional de Galiza Nova. As conclusións dos encontros abertos de mocidade e sectoriais que se continúen a realizar no marco deste proceso seguirán a nutrir os textos a debate do nosa Asemblea Nacional.

Un proceso aberto a toda a militancia desde o inicio.

Celebraranse comisións abertas para a redacción das teses a debate de Galiza Nova nas que poderá participar toda a militancia, sendo a primeira este venres 15 de xullo, ás 17 horas na Sede Nacional de Galiza Nova.

Un proceso democrático e de base.

As asembleas comarcais para debate das teses terán lugar á volta do verán onde toda a militancia e simpatizantes están convocadas a participar. Galiza Nova marca como reto deseñarmos entre todas a estratexia xuvenil nacionalista para os próximos anos e fortalecer a autoorganización do pobo galego e a mocidade como chave para avanzar no proceso de liberación nacional e social da Galiza.

Adiante Galiza Nova e o BNG!

Propón, participa, sé parte do proceso. O futuro de Galiza depende da mocidade!