Xogar coa sanidade pública ten un prezo

Lucía Mesías

O vindeiro 12 de febreiro temos unha cita en Compostela. Unha cita tan ineludible coma insostible é a situación do sistema sanitario galego. A plataforma SOS Sanidade Pública reinicia o debate do deficiente estado da atención sanitaria, especialmente no que respecta á Atención Primaria.

Que os centros de saúde sexan os primordiais afectados deste desmantelamento non é unha cuestión accidental. Debemos entender estes centros coma unha grande fonte de recursos sociosanitarios, con intervención e repercusión na comunidade, asistencia eficaz na resolución dos problemas reais tanto do colectivo coma do individual e un longo etcétera. Así, resulta obvio entender que para os que queren facer da sanidade un negocio, a defensa da Atención Primaria non saia rentábel.

As especialistas de Familia e Comunitaria, coma é o caso da enfermaría e medicina, levan décadas coas mans atadas, véndose na obriga de transfigurar a súa consulta para apagar os lumes que as políticas do PP prenden. É importante poñer sobre a mesa a realidade: debemos falar da eternización das listaxes de agarda, dos peches das urxencias extrahospitalarias, do insultante dos orzamentos que a Xunta destina ao SERGAS (a metade do que estima a OMS) e do gasto sanitario/persoa —que é dos peores do estado español a pesar de sermos a poboación máis envellecida do estado—.

Con todo, máis aló dos datos é vital entender que isto ten unha repercusión real e tanxible na calidade asistencial. Porque xogar coa sanidade pública ten un prezo:

A alta temporabilidade dos contratos e a rotación das profesionais dos centros de saúde converte a actividade da Atención Primaria en ineficaz. Á precarización das traballadoras sanitarias debemos sumarlle os estimados 3-7 minutos por visita, que imposibilita a profundización na consulta e a construción dunha relación de confianza entre o persoal e a paciente. Desaparece a labor de educación sanitaria e, con ela, a promoción da saúde e a prevención primaria. Enfermidades crónicas que poderían ser diagnosticadas e manexadas a tempo, e mesmo evitadas, evolucionan ata causar complicacións máis graves: tratar o urxente a costa de ter que obviar o importante.

Ademais, o desprezo do goberno na Xunta do PP polo rural deixa a miles de galegos sen acceso a dereitos tan básicos coma indispensables: poder optar ao servizo de hospitalización a domicilio, falecer recibindo asistencia paliativa ou ter acceso a atención de Urxencias no propio municipio de residencia non debería depender do código postal.

Non paramos de ver coma estas deficiencias, cuxas raíces non deixan de ser decisións políticas conscientes, as acaban sufrindo as mesmas de sempre: unha poboación coa saúde en xogo e unhas traballadoras obrigadas a soster dun sistema sanitario en descomposición. Unha Sanidade Pública forte e dotada para atender á súa poboación dignamente non debería ser unha utopía.

Por todo isto, manifestarse este domingo 12 de febreiro non é opcional, faremos notar a nosa carraxe colectiva nas rúas de Compostela. A mocidade galega, como moitas outras veces fixemos, daremos un paso adiante: actuamos agora para defender a nosa sanidade.

Lucía Mesías

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *