Os días 27, 28 e 29 de xaneiro estaremos na cidade de Glasgow (Escocia) para aprender e compartir experiencias con outras mozas e mozos de varios países do continente europeo. Unha delegación conformada por dúas integrantes da Comisión Permanente de Galiza Nova, asistirán ás xornadas organizadas pola EFAy (Mocidades da Alianza Libre Europea) e o Scottish National Party, nas que asistiremos a varias conferencias onde aprenderemos sobre o movemento de liberación nacional escocés e os seus métodos de loita.
Nestas xornadas, teremos ocasión de debater sobre unha variedade temática moi ampla e alí aprenderemos das militantes do SNP e de activistas con moita experiencia. Do mesmo xeito, teremos a oportunidade de coñecer cal consideran que será o futuro de Escocia, mais tamén aprenderemos técnicas de comunicación e debate.
Participarán alí tamén outras mozas e mozos doutras organizacións europeas: da Union Démocratique Bretonne Jeunes (Bretaña), do KX (Cornualles), de Gatze Abertzaleak (Euskal Herria), do Plaid Cymru Ifnac (Gales), das JERC (Catalunya), do Unga Tjóðveldið (Illas Feroe), de Espirit Jeune ALPE (Val d’Aosta) e de Sanca Veneta (Veneto). Deste xeito, poderemos coñecer as accións e prácticas que outras organizacións de esquerdas e movementos europeos de liberación nacional realizan na súa axenda para levar a cabo as súas campañas de concienciación e sensibilización.
Poderemos durante estes días conversar, convivir, atopar conexións e establecer relación con representantes de diferentes organizacións da esquerda europea e soberanista. Reafirmamos unha vez máis o noso compromiso internacionalista e coas loitas pola soberanía dos pobos. Desde Galiza Nova seguiremos loitando man a man con todos os pobos oprimidos do mundo.