Durante varias semanas do xa acabado ano 2024 asistimos a un espectáculo mediático arredor dun crime LGBTfóbico do que non se tiñan precedentes na Galiza. O asasinato de Samuel Luiz parece ter aflixido o total da sociedade galega. Desa forma, foron moitas as persoas que se lanzaron a celebrar con manifesto entusiasmo a dura condena contra os asasinos e o recoñecemento do carácter LGBTfóbico do crime grazas á inclusión do agravante de discriminación nunha das condenas. Desde coordenadas ideolóxicas ben diferentes até a propia esquerda nacional, todas parecemos recibir a noticia con certa simpatía. Así, neste breve artigo, pretendo abordar aquilo que fica após o veredicto: a forma en que ollamos para a violencia LGBTfóbica como unha cuestión anecdótica e conxuntural, e non así como o problema estrutural que realmente representa. E é que unicamente entendendo isto, seremos capaces de artellar unha resposta social a esta violencia.
De volta no exemplo do xuízo de Samuel, foi posíbel escoitar preguntas do tipo “como viste un homosexual?” co obxectivo de identificar se os asasinos foron capaces de recoñecer a orientación sexual de Samuel á hora de agredilo e se, en consecuencia, era un crime LGBTfóbico. Non obstante, a mensaxe que recibimos a través dos grandes medios e que se transferiu á sociedade foi a da excepcionalidade dos casos, asumindo que levar a cabo un crime LGBTfóbico é unha sorte de anécdota que aconteceu accidentalmente e que está case completamente desligado de calquera outra circunstancia social. Está, para o discurso oficial, tan afastado de determinantes sociais que mesmo se nega a colectividade do proceder LGBTfóbico ao recoñecer que dos catro asasinos condenados, só un estivo movido polo odio. Así, coido que é importante abandonarmos por un momento as narrativas que acusación e defensa puideron tentar construír nun xuízo destas características e pormos os pés na realidade. Só así encontraremos moi fácil solución á incógnita que se procurou estabelecer desde o principio do xuízo: ningún agresor nin ningún asasino necesita ter a certeza de que unha persoa é LGBT para exercer violencia LGBTfóbica. De feito, nin sequera é necesario ser unha persoa manifestamente LGBT para sofrer este tipo de violencia.
A disidencia sexual e de xénero é unha cuestión que se castiga diariamente durante a vida dunha persoa, desde a infancia até a vellez. Así pois, todas estas violencias acaban por ser un instrumento de violencia correctiva, é dicir, aquela que obriga todas as persoas, desde crianzas até o día da morte, a seguir uns estándares ben marcados do que é masculino e do que é feminino: non dances así, non movas as mans dese xeito, non te xuntes con esa xente ou senta desta outra forma etc. A maneira en que vivimos mais, especialmente, a forma en que nos presentamos en sociedade son moldeadas desde crianzas para cumprir co que se espera de nós. Agora ben, referenciando as compañeiras feministas que este 25N voltaron a nos clarificar que os feminicidios só eran o cumio dun iceberg moito maior e moito mellor ocultado, coido que é fundamental entendermos que coa violencia LGBT acontece exactamente o mesmo. O asasinato de Samuel foi o cumio do iceberg e, ao tempo, foi máis unha violencia correctiva, para el e para todas as demais. Da mesma forma que os seus asasinos interiorizaron durante toda a súa vida que a violencia e a agresividade era unha parte admisíbel e mesmo positiva da masculinidade que debían encarnar, tamén aprenderon paseniño que todo aquilo que estiver por baixo do que eles entenden como masculino é máis débil e non merece nin a mesma dignidade nin o mesmo respecto.
E é que, acudindo de novo ao movemento feminista, hai algo que elas nos deixaron moi claro e que foron capaces de, en parte e con aínda moito camiño por andar, levar até a lexislación: os feminicidios, como o resto de violencias machistas, son causados polo odio á muller, que é adquirido socialmente, e esta afirmación non precisa de ningunha demostración ou explicación máis alá dunha análise honesta da forma en que se organiza a nosa sociedade. Así, grazas ao traballo feminista, somos capaces de entender socialmente que se un home asasinou a súa parella muller, foi polo poder e pola capacidade de dominación que el identifica que ten sobre ela. Pois a violencia LGBTfóbica se articula dunha forma moi parecida: os asasinos de Samuel, como calquera outra persoa que exerza violencia LGBTfóbica, non necesita asegurarse de que a súa vítima mantén relacións sexuais ou románticas con persoas do seu mesmo xénero ou de varios xéneros, pois abonda co firme convencemento aprendido de que certas características na forma de expresarse, por exemplo, representan algo reprochábel, criticábel, inferior ou, simplemente, máis débil. Así, mesmo pode que os asasinos de Samuel nin sequera coñecesen a súa orientación sexual no momento de atacalo, mais iso non foi impedimento para entender que era unha vítima á que era lexítimo atacar porque se afastaba do que eles entendían por un home de verdade.
Agora ben, cómpre salientar que isto non escusa ninguén. Vimos dunha época dourada do movemento LGBT durante a que se produciron pasos enormes na concienciación sobre os dereitos e as liberdades das persoas do colectivo. É importante entendermos que, da mesma forma que existe unha responsabilidade colectiva, todas temos o deber individual de nos comprometermos a identificar aquilo que a sociedade nos aprendeu e que pode ser negativo para crear unha sociedade igualitaria e traballar por mudalo no noso día a día. É aí, alén de en moitos outros ámbitos, onde desde o movemento LGBT temos a necesidade de avanzar e facer entender á maior parte da sociedade, da mesma forma que o fixeron as compañeiras feministas, que as violencias son moitas e que son exercidas mesmo de forma inconsciente, pautadas por dinámicas de poder e xerarquías sociais. E será a partir de aí que quen lexisla terá que encontrar as ferramentas legais para incluír na lexislación o que xa é algo que a sociedade entende, asume e defende: que a violencia LGBTfóbica non é conxuntural, senón estrutural. Pois unicamente desde ese prisma, o asasinato de Samuel podía ter sido recoñecido integramente como un asasinato LGBTfóbico e non só na condena dun dos asasinos por ser o único ao que se testemuñou berrando “¡marica de mierda!”.
Con todo, é comprensíbel que se reciba como boas novas a condena a quen exerceu LGBTfobia dunha forma tan catastrófica e tamén así o recoñecemento parcial do asasinato como LGBTfobia polo sistema xudicial, mais non podemos conformarnos nin abandonar a ollada crítica. Resta moito por facer pola memoria de Samuel, de todas as que foron antes e virán despois e porque, nalgún momento, poidamos todas camiñar por unha Galiza liberada e igualitaria, en todos os sentidos.