Os días 25, 26 e 27 de setembro terán lugar en Corcubión as XXXVI Xornadas de Formación de Verán de Galiza Nova. Nun contexto marcado polo avance do discurso reaccionario e pola normalización da xenofobia como unha das súas principais manifestacións, esta xornada pretende abrir un espazo de formación, aprendizaxe e debate críticos arredor da realidade da inmigración na Galiza, atendendo á cuestión laboral, social, lingüística e cultural, así como á resposta antirracista e antiimperialista que debemos dar como mocidade galega.
Grazas a Belén Fernández e Antía Pérez, a Helena Miguélez, Keina Espiñeira, Laura Bugalho e Neal Baxter, así como ás achegas de tódalas participantes, darémoslle espazo de reflexión e debate ás relacións entre inmigración, xenofobia, galeguidade, antirracismo e soberanía. En definitiva, unha ferramenta para reforzarmos a análise política e avanzarmos na construción dunha República galega en paz, soberana e igualitaria.
As activides principais desenvolveranse na Capela do Pilar de Corcubión (Rúa Antonio Porrúa, nº 5, Corcubión) e na súa contorna. Para facilitar a organización pregámosche que cubras este formulario se tes pensado vir, con data límite a quarta-feira (mércores), 16 de setembro. As xornadas terán un prezo de 20€ para axudar a cubrir os gastos de manutención e durmida deses días. En caso de necesidade pódese solicitar a redución ou exención de cota.
FORMULARIO

