16 de febreiro: FOLGA ESTUDANTIL!

erguerDesde Galiza Nova chamamos a mocidade galega a secundar a folga no ensino medio e universitario do 16 de febreiro convocada pola organización do estudantado galego ERGUER. ESTUDANTES DA GALIZA para defender o ensino público galego.

Nos últimos anos as estudantes galegas levan saíndo á rúa para loitar contra a implantación da LOMCE. As continuas mobilizacións realizadas en vilas e ciudades de todo o país son unha proba da forza das estudantes e do seu claro rexeitamento a esta lei imposta chegando a conseguir que as reválidas deste ano fosen suprimidas. Mais a supresión das reválidas non é suficiente, debemos voltar de novo ás rúas para conseguir a eliminación da LOMCE, unha lei elitista e españolizadora que entre outras cousas ataca á nosa lingua, blinda os concertos con centros privados e fai computar á relixión na nota media.

Pero coa eliminación da LOMCE non rematan os problemas para o estudantado, pois tamén afrontamos a aplicación no ensino universitario do Decreto 3+2. O plan Boloña reduciu a duración das carreiras de 5 a 4 anos, e obriga a complementar os estudos de carreiras universitarias coa realización de mestrados de especialización que non son accesíbeis para todas as estudantes polos seus elevados custos, mesmo na universidade pública. Se isto non fose suficiente, o novo decreto do 3+2 agora supón que a duración dos graos sexa de 3 anos e os posgraos de 2, o que supón un encarecemento da nosa formación, chegando a costar un só ano de posgrao o dobre que un ano de grao.

Só con mobilización seremos quen de derrubar estas medidas que precarizan o noso ensino. Dende Galiza Nova consideramos necesario o movemento estudantil galego autoorganizado, pois Galiza é unha nación con problemáticas diferenciadas a todos os niveis, problemáticas que requiren solucións pensadas por e para Galiza. Sendo o movemento estudantil galego quen marque os seus propios ritmos na loita, temos que ser nós, dende Galiza, que coñecemos a nosa propia realidade quen se mobilice sen agardar os mandatos que chegan desde o españolismo. A autoorganización das estudantes galegas no nacionalismo estudantil, facendo traballo real e desde a base, é fundamental para reverter os contínuos ataques que está a vivir o noso ensino.

Por iso chamamos a toda a mocidade galega que se atopa estudando a secundar a folga convocada no ensino medio e universitario por ERGUER. ESTUDANTES DA GALIZA o vindeiro 16 de febreiro.