25N – Que arda o medo

Historicamente o patriarcado dotouse de ferramentas para frear (ou mesmo minar) o avance das mulleres e do feminismo, unha destas ferramentas é o medo. O medo tivo diferentes expresións nas diferentes alturas históricas, en pleno 2022 (re)apareceu o medo con novas expresións (como a submisión química) sumado a moitas máis coas que xa conviviamos as mozas galegas a diario. 

É neste contexto no que, desde a Asamblea Nacional de Mulleres de Galiza Nova desenvolvemos a campaña Que arda o medo! Acendemos fachos para iluminar o camiño. para sermos quen de analizar, confrontar e desmontar todo a construción arredor do medo, como ferramenta de control do patriarcado sobre as mulleres. Non é un camiño fácil mais é o momento de confrontar un sistema que nos pón ao límite, que non nos deixa vivir libres e que crea e (re)crea máis e máis ferramentas para ternos dominadas e baixo o seu control. 

Neste punto, achamos imprescindíbel falar do medo para liberarnos todas. Porque a expresión do medo vai desde microferramentas de control que desenvolvemos nas nosas propias relacións afectivas, pasando polo medo inherente a ocupar espazos públicos soas como camiñar soas polas rúas e agudizándose con medos cuxas expresións poden acabar mesmo coas nosas vidas. 

Abonda xa do medo, das ferramentas de control que perpetuamente nos ligan co sistema que nos oprime, do silencio na realidade de moitas de nós. Neste 25 de novembro, día internacional contra as violencias machistas facemos fronte ao medo e ás súas ferramentas, entre todas, coa autodefensa e a sororidade, somos máis fortes.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Neste punto, achamos imprescindíbel sinalar ferramentas de control e medo que todas vivimos, que todas precisamos coñecer para facer fronte, é neste sentido no que sacamos o noso Activas, para abordar pequenos termos que todas podemos ver e identificar, para seguir avanzando.

ACTIVAS 2022

 

POSICIONAMENTO

Cúmprense 62 anos desde o asasinato das tres irmás Mirabal – Minerva, Patria e María Teresa – que foron as que deron lugar a que hoxe, día 25 de novembro, sexa o Día internacional contra a violencia machista. Máis de medio século despois recollemos o legado das tres bolboretas para seguir camiñando cara a transformación do mundo.

No 25N normalmente escoitamos falar da cifra dos feminicidios, tanto en Galiza como no Estado Español, mais temos que ter en conta que esta cifra é nada máis que a punta do iceberg, a expresión máis visible e irreversible das violencias que sufrimos. O feminicio é o que sae na prensa, o que vemos, mais é a última consecuencia dunha lista de violencias que temos normalizadas. É a última consecuencia dun sistema que lexitima e perpetúa as violencias machistas. 

Un sistema que nos concibe como obxectos, como man de obra barata, como propiedade privada dos homes. Os roles de xénero impostos, a presión estética, a precariedade, o medo, as agresións sexuais… son expresións dun sistema de violencia que nos sanciona cando intentamos rachar co que nos é imposto. Quere de nós un rol submiso e pasivo ao servizo dun sistema que nos oprime e explota. 

Neste 25N, desde Galiza Nova quixemos poñer o foco nunha violencia invisíbel, que é parte necesaria do patriarcado para ternos submisas, isto é, o medo. Somos moitas as que a diario temos medo do que podemos dicir, de sinalar agresores, situacións de agresión que vivimos, medo a camiñar soas mais tamén medo a ser quen de pararse fronte a este medo que ocupa e corrompe as nosas vidas. O medo é unha das ferramentas de control colectivo máis útiles que ten o capitalismo e é a nosa obriga tomar as ferramentas do feminismo para combatelo. 

Neste día contra a violencia machista facemos fronte ao medo, a quen o exerce, a quen o lexitima e a quen axuda a perpetualo. Porque nós xa non imos ter máis medo, xuntas iluminamos o camiño e acenderemos os lumes que sexan necesarios para que ningunha máis volva ter medo. Sabemos a forza que temos como movemento feminista e vemos que é o momento de dar un paso adiante. Témonos a nós e man a man daremos resposta a todas as violencias. Saben que non somos submisas nin obedientes. Practicando a autodefensa feminista colectivamente e chegando onde ninguén da unha resposta, xuntas destruiremos o patriarcado e o capitalismo.