Contra a LGBTfobia construimos a Galiza diversa

Hoxe conmemórase o día internacional contra a LGBTfobia e desde Galiza Nova sumámonos a esta xornada de reivindicación e loita demandando o fin das discriminacións por mor da nosa orientación sexual e identidade de xénero.

No ano 2019 a visibilización das sexualidades disidentes coa heteronorma continúa a estar plenamente vixente. Fai só 29 anos que a Organización Mundial da Saúde retirou a homosexualidade da clasificación das enfermidades psiquiátricas. Organización que pese ás continuas demandas do colectivo trans, aínda a día de hoxe considera a transexualidade como un trastorno, patoloxizando a súa identidade.

Na situación actual de ascenso da extrema dereita, o discurso LGBTfóbico colle forza, aumentando as agresións e coa reinserción dun discurso que xa criamos erradicado na nosa sociedade. Dende Galiza Nova traballamos para acadar unha sociedade na que a nosa sexualidade e a nosa identidade de xénero non sexa nin un tabú, nin un motivo de represión; e reiteramos o noso compromiso de loitar por unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria na que ningunha persoa sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero.

Por iso, condenamos unha vez máis a sanción imposta ás compañeiras de Pontevedra pola realización dun mural no que reivindicamos a nosa liberdade sexual. Tanto nas rúas como tamén nas urnas a mocidade galega continuamos a construír a Galiza diversa e a loitar pola nosa liberdade!