Galiza arde todo o ano. Lumes nunca máis!

Malia que estamos en pleno marzo, a falta de precipitacións nos últimos días posibilitou que desde o domingo arderan máis de 750 hectáreas en moitos puntos do país. Estamos realmente preocupadas polas consecuencias do cambio climático na nosa terra, pero as responsabilidades non deben recaer só nas condicións meteorolóxicas. A devastación de 550 hectáreas (e sumando) nos montes de Rianxo e Dodro produciuse en terreos sucesivamente calcinados por lumes forestais desde que se comezaron a dedicar a monocultivos. E cada vez que ardeu a zona replantáronse de novo especies pirófitas. Esta é a evidencia do problema estrutural que arrastramos, e do que a verdadeira responsábel é unha Xunta de Galiza en parálise, máis preocupada de defender os intereses especulativos de ENCE na Ría de Pontevedra.

Denunciamos que os medios de extinción e prevención son insuficientes e precarios, traballando as brigadas en condicións de extremo risco para as súas propias vidas. A Consellería de Medio Rural é incapaz de aprobar os plans anuais antes do verán, feito que deixa en mans do azar a posibilidade de atallar de xeito efectivo os cada vez máis frecuentes lumes da primavera. As dimensións dos incendios de inverno e primavera son cada vez maiores, e cada vez teñen menos que ver coas tradicionais queimas de monte baixo para a produción de pasteiros.

Núñez Feixoó pretende ocultar que ano tras ano medra a superficie de eucalipto e doutras especies invasoras, chegando a reter xa case que un quinto do noso país para un negocio que só é rendíbel para uns poucos. Non debemos esquecer que a desestruturación das terras agrarias e forestais ten moito que ver co abandono do rural, e a lóxica capitalista de explotación do territorio non se preocupa das graves consecuencias que teñen os sucesivos incendios que vimos padecendo décadas. Empobrécese o solo, redúcese a biodiversidade e limítase a produción agraria; deixando ao seu paso un panorama de desolación. O negocio é redondo para ex-ministros e ex-conselleiros do PP que se atopan no Consello de Administración do lobby da madeira e enerxético. Pola contra é unha realidade ruinosa para o pobo galego, que con sorte só recibirá migallas en forma de rendas complementarias a propietarios forestais nos vindeiros anos, ata que esta industria de enclave deixe de ser rendíbel.

A situación no Barbanza nas últimas horas foi límite. Fonte: Protección Civil de Rianxo

Debemos apostar por modelos multifuncionais, loitar por un monte diverso, con especies autóctonas, e con usos produtivos, sociais e de conservación. Neste sentido queremos parabenizar ás comunidades de montes e ás entidades ecoloxistas que están a dar o importante paso da deseucaliptización. Existen multitude de iniciativas locais de recuperación de terras queimadas en verdadeiros bosques, pero o noso apoio debe ir alén de accións locais. Esiximos que a Xunta se implique cunha política nacional, que acabe co caos imperante nas plantacións forestais, e que apoie de xeito efectivo o intenso traballo que moitas persoas mozas organizadas a nivel local e galego fan nos seus montes. Este é o verdadeiro futuro para a nosa terra!