“Quítannos os recursos, quítannos a vida”, artigo de Alba Barcia

Alba Barcia é educadora infantil con estudos de pedagoxía e Responsable da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova en Compostela.

A loita contra a  violencia de xénero é unha das grandes vítimas do sistema capitalista e patriarcal. Nos últimos anos fomos testemuñas do desmantelamento das políticas sociais, especialmente as centradas na loita contra a violencia de xénero, poñendo así en perigo a vida das mulleres. Na Galiza sufrimos unha dobre opresión: a opresión do estado español e a opresión do sistema patriarcal.

A incapacidade e falta de ferramentas de autogoberno debido ao encaixe de Galiza no estado español e derivada da dependencia colonial fan que os centros de decisión política se atopen cada vez máis afastados, non só xeograficamente, senón da realidade da sociedade galega e dos seus movementos sociais. Isto non supón máis que a anulación do feminismo galego e a colocación de muros perante as reivindicacións deste movemento transformador, impedindo un avance na toma de conciencia social e tamén de medidas, que para o caso que nos ocupa, protexan a vida das mulleres.

A “demolición” de servizos coma o Quérote por parte do goberno do Partido Popular supuxo un duro golpe para as mulleres e o colectivo LGBT. Esta rede de centros na Galiza era un proxecto que ofrecía un espazo de asesoramento, no cal as persoas novas podían obter información sobre cuestións que lles preocupasen no eido da saúde sexual e a planificación familiar.

O estado debe garantir a seguridade e desenvolvemento integral das persoas, debe tomar medidas preventivas a través de políticas de igualdade a prol dos dereitos das mulleres e prevención da violencia patriarcal.

Os aloxamentos de emerxencia para mulleres vítimas de violencia machista sufriron un ataque constante. Sen este servizo, as mulleres vense sen posibilidade algunha de abandonar o espazo no que están a ser violentadas. Debemos ter en conta pois, que estas mulleres sofren unha dependencia extrema –  na maior parte dos casos- a nivel económico da súa parella maltratadora. É vital que se fagan políticas sociais que fomenten un emprego digno para que estas mulleres poidan atopar saída a súa situación, a par da creación dunha rede de axuda, formación, apoio psicolóxico e respaldo económico. O estado debe garantir a seguridade e desenvolvemento integral das persoas, debe tomar medidas preventivas a través de políticas de igualdade a prol dos dereitos das mulleres e prevención da violencia patriarcal.

Vimos de presenciar en Ourense un proceso de desmantelamento da área de Igualdade por parte do Goberno de Democracia Ourensana, marca blanca continuísta das medidas do PP, tras anos de desleixo na participación do Concello no protocolo VioGen, sen efectivos e sen recursos para levar adiante as tarefas que as mulleres que poñen as súas vidas nas súas mans, precisan. Denunciamos pois, as políticas reaccionarias, irresponsables e cobardes que se están tomando con respecto a un protocolo extremedamente necesario.

É a nosa responsabilidade como militantes nacionalistas loitar contra a discriminación das oprimidas na sociedade galega. Non podemos ficar caladas ante estas agresións. Loitemos por unha Galiza feminista, que nos permita vivir nunha sociedade mellorada fóra da ditadura do patriarcado e da dependencia colonial dun estado opresor que nos está a espoliar. Queremos unha atención pública e uns recursos que garantan o benestar das mulleres. 

Con isto, facemos un chamamento a sumarse á concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres na Praza Maior de Ourense, este Venres ás 19h. Daremos respostas nas rúas e dirixirémonos ás administracións a fin de pór fin a este atentado contra os dereitos das mulleres.

Muller, loitemos pola nosa liberación nunha Galiza ceibe!