Navia Rivas de Castro. Responsábel de Relacións Internacionais de Galiza Nova

Galiza en loita tamén en Europa. Artigo de Navia Rivas

Navia Rivas de Castro. Responsábel de Relacións Internacionais de Galiza Nova

É ben sabido que, en xeral, as eleccións europeas non reciben tanto interese coma as estatais, as galegas ou as municipais, e teñen tendencia a rexistrar unha participación baixa. A fin de contas, Bruxelas queda lonxe…

Pero sabedes cantas cousas dependen da Unión Europea? Os sectores produtivos en gran medida. Miles de millóns de euros en orzamentos e subvencións. As relacións diplomáticas entre países. O nosos status como nación. Cuestións de emprego, lingua, dereitos democráticas…

E poucas palabras, moitas cousas dependen da UE e moitas delas moi importantes e que nos tocan de moi preto.

En cambio, vivimos nunha Unión Europea que non ten en conta nas súas políticas os intereses de galegas e galegos. Por exemplo, a Política Agraria Común (PAC) ou a Política Pesqueira Común (PPC) son deseños comunitarios que non inclúe a enorme potencialidade produtiva do noso país nestes ámbitos.

En contraste coa propaganda que nos pinta unha suposta Europa das liberdades e dos pobos, o certo é que despois de 33 anos desde o ingreso na UE, na Galiza temos menos poboación e máis avellentada, forte emigración xuvenil, e unha capacidade produtiva fortemente reducida.

Ademais, as estruturas da UE non son democráticas tanto porque os seus principais centro de decisión actúan á marxe dos poderes públicos con lexitimidade democrática, como pola toma de decisións opaca e influenciada polos poderes económicos, sacrificando o benestar das persoas e dos pobos. Nos últimos anos mesmo asistimos ó retroceso na defensa das liberdades democráticas e na restrición de dereitos civís e políticos. Como estrutura xurídico-política ó servizo do grande capital, a miúdo actúa de forma contraria ós intereses das clases populares e cun marcado carácter imperialista como amosou co caso de Catalunya ou o apoio activo ou pasivo a intervencións económicas, políticas ou militares en función dos intereses económicos e xeoestratéxicos da oligarquía.

Ante isto, termos unha deputada nacionalista en Bruxelas, aínda que sexa só unha, serve para moito.

Galiza ten moito que dicir nas institucións europeas, tano na defensa dos seus dereitos como nación e dos dereitos de tódalas galegas e galegos, como tamén a respecto de como debe ser a Unión Europea e que valores debe defender.

A nosa presenza no Parlamento Europeo serve para avanzarmos no recoñecemento da existencia política da Galiza como nación e o seu dereito a decidir por si propia, de esixir participación directa nos foros onde se toman decisións que nos afectan. Isto inclúe defendermos a capacidade produtiva da Galiza e a xeración de emprego digno, o noso dereito a decidir en materia orzamentaria e financeira, agraria, pesqueira, forestal, de infraestruturas, medio, enerxética, comercio, transporte, turismo, asistencia social, patrimonio histórico, lingua, cultura, deporte, etc.

Serve tamén para traballarmos no camiño da construción dun modelo internacional diferente, baseado na cooperación en pé de igualdade e o respecto á soberanía das nacións, pulando por unhas relacións económicas xustas e beneficiosas para os pobos, apostando polo antimilitarismo, a paz, a solidariedade internacional e o dereito á autodeterminación dos pobos do mundo, así como os dereitos humanos e fundamentais, da igualdade, da xustiza, da diversidade.

Serve para defendermos os dereitos democráticos, a loita contra o fascismo, a xenofobia e o racismo, nomeadamente na protección das persoas migrantes e refuxiadas mediante a derogación das directivas sobre o retorno da inmigración e o Acordo da Vergoña UE-Turquia, e defenderemos a creación dun Visado Humanitario Europeo, como fixemos nesta lexislatura no Parlamento Europeo.

Só a través de políticas propias, sen subordinacións, seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór a producir o noso país, combater a emigración, e construír na Galiza unha sociedade máis xusta. Opoñémonos a que sexan a Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional quen tomen as decisións sobre as nosas vidas.

Son ben coñecidas as actuacións do BNG nas institucións, nomeadamente en Bruxelas. Por isto, é fundamental a presenza do BNG no Parlamento Europeo. Polos dereitos de galegas e galegos, por un mundo máis democrático, para mellorar as vidas de todas.

Desde Galiza Nova, pedimos o apoio para o BNG e a coalición na que se presenta para as vindeiras eleccións ó Parlamento Europeo.

Non o dubides, Agora Repúblicas, agora BNG!