Galiza Nova enceta en Pontevedra a campaña polo Día da Patria Galega

Cunha acción reivindicativa e visual comezamos a realizar os actos previos ao 25 de xullo, Día da Patria Galega en Pontevedra. “Queremos chamar a atención e reivindicar a nosa loita social e nacional e por iso decidimos facer esta acción, amosando a nosa bandeira nunha das principais rúas da cidade”, explicou Alberte Fernández, responsábel comarcal.

Acompañamos a colocación dunha bandeira de grandes dimensións e o pintado dos lemas da data sinalada, co reparto do voceiro “Mocidade”, chamando a participar a toda a mocidade pontevedresa aos actos do Día da Patria, entre eles o Festigal a manifestación do BNG e a Homenaxe a Rosalía e Castelao.

Iniciamos deste xeito unha xeira de actos comarcais para chamar á mocidade a participar nas actividades reivindicativas e lúdicas do 24 e 25 de Xullo,no que afirmamos con máis forza ca nunca a existencia de Galiza coma nación.