O salario, o traballo, os dereitos, o futuro da mocidade… onde os tedes secuestrados?

IMG-20140501-WA0018O gobernador do banco de España, Luís Linde, vén de facer un chamamento para “facer entender á mocidade que ten que aforrar, porque a pensión media será cada vez menor de forma inevitábel, debido ao declive demográfico”. Antes de entrar a valorar ditas declaracións, tendo en conta que o acceso a unha xubilación que garanta unhas condicións de vida dignas é un dereito, cómpre facer una análise sobre o entorno e as condicións laborais da mocidade hoxe en día.

Primeiro, a idade de incorporación das mozas e mozos da Galiza ao mundo labroral. Se falamos de titulad@s universitari@s, rematar un grao non che garante o acceso a un emprego polo que en determinadas carreiras, e cada vez en maior número, é necesario cursar un mestrado antes de saír ao mundo laboral. Isto supón, ademáis dun maior gasto económico xa que os prezos de matrícula son insoportábeis para a maioría da mocidade galega, que se retrase a idade de dita incorporación e só unha minoría acceda a postos de traballo relacionados cos seus estudos.

A maioría das veces, as prácticas profesionais en empresas non son outra cousa que desenvolver traballo de balde altamente cualificado e non remunerado, baixo a promesa por pate do patrón de conseguir un contrato… algún día.

Segundo, a modalidade de contratación. Como consecuencia das políticas capitalistas aplicadas polo PP-SOE, emanadas da Troika e os poderes económico financieiros da Unión Europea, o primeiro contrato laboral das mozas e mozos é, en maior porcentaxe, un convenio de prácticas, xa sexa cun organismo público, unha fundación ou mesmo bolsas internas das propias empresas. Isto da lugar a dous posíbeis escearios, que non cotices á Seguridade Social ou que cotices nunha categoría profesional inferior á que che corresponde por titulación durante a duración da bolsa. Punto importante a ter en conta neste apartado é o salario, a cuantía económica das bolsas ronda os 300–600 € mensuais, e que podes estar como bolseira nunha mesma empresa ou en empresas diferentes combinando as diferentes bolsas ata os 30 anos, idade límite que establecen a maioría de convenios ofertados na actualidade. A maioría das veces, as prácticas profesionais en empresas non son outra cousa que desenvolver traballo de balde altamente cualificado e non remunerado, baixo a promesa por pate do patrón de conseguir un contrato… algún día. Sumémoslle a posibilidade de, unha vez realizadas todas as bolsas que por compatibilidade entre elas tes ao teu dispór, unha empresa ou entidade pode ofertarche a maiores un contrato en prácticas que dura 3 anos mais durante os cales tampouco percibes o 100% do salario que che correspondería por lei.

Terceiro, a emigración. Estes días sairon os datos do INE sobre demografía, centos de mozas e mozos da Galiza víronse na obriga de emigrar para ter un posto de traballo. Emigración forzada que se vén dando dende o comezo da crise e que contribúe a un proceso de descenso demográfico que é difícil reverter sen políticas valientes ao servizo do pobo e non dos mercados.

Tendo en conta estas características laborais, Luís Linde, presupoñéndolle formación en canto a números e contas se refire polo cargo que ocupa, debera acompañar as dúas declaracións cun estudo que reflicta como aforrar cobrando 600 € ao mes, como chegar a cotizar o tempo necesario para obter unha xubilación digna e axeitada co traballo realizado antes dos 80 anos e que explique se, detrás das súas declaracións, se esconde a intención de que incitar á mocidade para contrate plans de pensións privados polo medo ou incertidume de non obter una xubilación que garanta unhas condicións de vida dignas.