Un ano despois dos lumes no Monte Pindo: nin esquecemos, nin perdoamos!!

mina non compostelaOs lumes do verán do 2013 arrasaron con 2500 hectáreas do Monte Pindo, o que supón toda a superficie deste monte calcinada e parte das marismas de Carnota. Estes incendios provocaron a destrución completa da biodiversidade do monte, polo que as perdas no natural son incalculábeis, e teremos que agardar cando menos 5 anos para coñecer cales son irrecuperábeis.

A pesar da man tendida que sempre se mantivo desde a asociación, o movemento veciñal e o propio Concello de Carnota a Agustín Hernández (conselleiro de medio ambiente antes de ser nomeado a dedo alcalde de Compostela) para alcanzar acordos que axudaran a protexer o Monte Pindo, o PP nunca deu un só paso nese sentido e a acción do ex conselleiro centrouse en dilatar calquera idea e iniciativa, mesmo as artelladas e financiadas pola propia veciñanza, para que nada cambiara.

Así, finalmente, logo de 3 anos desoíndo todas as voces que alertaban do preocupante estado do Olimpo Celta e a pesar de todos os avisos en forma de focos de incendio que xa prognosticaban o peor, finalmente o 17 de setembro o Monte Pindo ardía en toda a súa extensión, e con el as 640 especies que xustificaron no seu día a súa designación como LIC Rede Natura 2000. Este episodio, que agora a Xunta se empeña en omitir nas súas valoracións coma se nunca se tivese pasado, certificou o destrutivo legado de Agustín Hernández á fronte do medio ambiente galego. Hoxe este individuo foi chamado a apagar outros lumes, os iniciados polos seus compañeiros corruptos que durante 3 anos roubaron ao pobo desde o Concello de Santiago de Compostela.

A loita incansábel nas rúas destes catro anos, traduciranse máis pronto ca tarde nun verdadeiro cambio. Porque só as galegas e galegos debemos ser quen gobernemos a nosa terra, co amor e o respecto que temos por ela. Botemos fóra aos corruptos e incendiarios do PP que só queren a nosa terra para explotala cruelmente.

A incansábel loita de Galiza Nova e da veciñanza pola defensa e conservación do Monte Pindo

A loita pola defensa e conservación do valioso entorno natural do Monte Pindo e pola súa declaración coma Parque Natural xurdiu xa hai anos das inquedanzas ambientais da veciñanza de Carnota concienciada co desenvolvemento substentábel.

O macizo pétreo do Monte Pindo é apreciado polas raras calidades xeolóxicas que o compoñen, principalmente granito rosa e pola presenza de abondosas especies naturais protexidas e únicas como é o Carballo Anano (Quercus lusitanica Lam), unha especie autóctona do Mediterráneo suroccidental ou o Lirio de monte e o lirio do Xurés (Iris boissieri). Tamén é un espazo de importancia ambiental pola fauna que o habita como o gato montés ou gato bravo (Felis silvestris), e como non! polos mitos e historias da raíña Lupa e demais contos populares e pagáns que lle outorgaron o nome do Olimpo Celta. A historia que o rodea ten moito a ver coa Fervenza do Ézaro, cuxa protección segue a ser pouco máis ca nula nas mans dunha Xunta de Galiza inoperante e directamente responsábel da destrución dos nosos espazos naturais.

Por todo isto, esta causa contou desde os seus inicios co apoio decidido das mozas e mozos de Galiza Nova na Costa da Morte; por iso tamén formamos parte da Asociación Monte Pindo Parque Natural, creada para organizar a resposta social en prol da defensa deste espacio tan importante. Ademais, Galiza Nova e o BNG fomos das primeiras organizacións galegas en expresar publicamente o apoio a esta iniciativa.

A participación nas asembleas abertas, tarefas de limpeza de camiños, simposiums, inventariado das especies, roteiros, postos de información en feiras ecolóxicas e populares por todo o país… e até un concerto en beneficio do monte cos ” Tres Trebóns ” e “Tanto nos ten ” foron algunhas das moitas actividades nas que Galiza Nova ten participado activamente.