27 de xuño de 1931: A proclamación da República Galega

No día de hoxe cúmplense 81 anos da proclamación da Primeira República Galega no 1931. Tras a proclamación da República Española agromaron as contradicións e as frustracións ante a parálise entre outras cousas, do camiño de ferro, o retraso da chegada do ferrocarril á Galiza, a paralización do traballo nos astaleiros por parte do goberno de Azaña levaron á toma de conciencia de parte do pobo galego da súa condición de marxinalidade e periferia dentro do estado español. Ademais leváronse a cabo numerosas mobilizacións entre maio e xuño dese ano.

No contexto de conflitividade pola paralización das obras do ferrocarril e empeoramento das condicións laborais convocarase unha folga xeral tres días antes das primeiras eleccións lexislativas da república española, ante o cal o goberno español enviará forzas militares para reprimir estas protestas.

Dentro do clima de protestos da clase traballadora galega o 25 de xuño de 1931 colgouse a bandeira galega dende o balcón do concello de Ourense e ao día seguinte en Compostela tivo lugar un grande mítin en protesta pola parálise do camiño de ferro, e no que se reclamaba deixar de pagar impostos ao estado español, a dimisión das autoridades provisionais da república española, que levaban pouco máis de dous meses, e en definitiva a constitución do estado galego. Ao mesmo tempo tamén en Ourense tivo lugar outra asemblea, tras a cal se asaltou o goberno civil, rachouse a bandeira tricolor española e izouse a bandeira galega ao berro de “Viva Galiza”.

Recorte da prensa do momento no que se recolle a Proclamación da Primeira República Galega

“Galiza demostra ben ás claras que está en pé, en aberta revolución cara a súa liberdade, a súa autonomía, e a súa independencia absoluta. Non nos interesa a república federal española, senón a República Galega”

O 27 de xuño tivo lugar na capital unha grande mobilización en Compostela que iría cara a casa do concello e na que no acto final se dixo: “Galiza demostra ben ás claras que está en pé, en aberta revolución cara a súa liberdade, a súa autonomía, e a súa independencia absoluta, non nos interesa a república federal española, senón a República Galega” .

Porén, a república española acabará cedendo e as reivindicacións polas que se chegara a proclamar a República Galega serán resoltas, polo que se decidiu devolver o poder ás institucións republicanas españolas, tamén por unha correlación de forzas pouco favorábel a isto.

A proclamación da República Galega do 1931 fóra de ser un feito testemuñal pola súa curta duración é un precedente no camiño da soberanía do país. Nós, 86 anos despois, recollemos ese testigo, ao igual que o de todo o nacionalismo que loitou pola liberdade do noso pobo nestes 101 anos, somos conscientes de que non temos posibilidades reais de que as nosas capacidades como nación se desenvolvan plenamente dentro deste estado español, por iso traballamos e seguiremos a traballar pola independencia nacional e a constitución dunha nova República da Galiza!

Leave a Reply

Your email address will not be published.