CRÓNICA DA XVI ASEMBLEA NACIONAL

A XVI Asemblea Nacional de Galiza Nova, celebrada o 11 de setembro en Pontevedra, elixiu a Marta Gómez como nova Secretaria Xeral da organización. A candidatura presentada pola Dirección Nacional saínte obtivo un 74.23% dos votos fronte ao 24.74% da candidatura “Unha Ponte Nova”.

O encontro caracterizouse polo debate para mellorar o traballo e o papel da organización xuvenil do BNG. Pola mañá tivo lugar un grande exercicio de autocrítica, onde se analizaron os erros e se puxeron en valor os acertos, que finalizou coa aprobación do informe político da Dirección Nacional.

Xa pola tarde, houbo un amplo confronto de ideas para definir entre todas a nova estratexia xuvenil nacionalista, ficando aprobadas as teses da organización ao final da xornada. A través delas, Galiza Nova analiza a situación da mocidade galega, detectando as causas e culpables da mesma e propoñendo alternativas e solucións para lograr unha Galiza ceive e popular. Así, dotouse para os vindeiros anos dunha nova estratexia xuvenil nacionalista e un proxecto para unha acción política e social revolucionaria a favor da independencia de Galiza e da conquista dun futuro mellor para a mocidade galega.

A estratexia aprobada reafirma a Galiza Nova como ferramenta chave para aglutinar á mocidade, ampliar a conciencia nacional das persoas máis novas e proporcionarlles unha organización útil, plural e aberta, ao tempo que marca como imprescindible dinamizar e axilizar a estrutura da organización, así como aumentar o activismo e o traballo social e político en todas as frontes. Nesta liña tamén se destaca como fundamental relacionar os problemas e intereses diarios da mocidade galega co ideario nacionalista, onde se atopa a resposta a todos eles.

Logo dun amplo e rico debate, grazas á participación das militantes de Galiza Nova, Marta Gómez afirmou na clausura que “é indispensable o papel de toda a mocidade para a construción dunha Galiza Ceibe e cada acción na que o nacionalismo dá a batalla achéganos un paso máis ao noso obxectivo”. Galiza Nova comeza unha nova etapa na que se marca como obxectivos recuperar o papel mobilizador da sociedade e ampliar a base xuvenil nacionalista.

A DIRECCIÓN NACIONAL

A Dirección Nacional entrante, froito de conxugar de xeito proporcional as dúas candidaturas presentadas, combina militancia con experiencia na organización cunha ampla renovación de mozas e mozos e representa unha ampla representación de todas as comarcas do país para poder tender e entender a realidade de todo o territorio, así como comprende as distintas correntes e sensibilidades que existen no seo de Galiza Nova:

  1. Marta Gómez Martín. Nova Secretaria Xeral de Galiza Nova (Pontevedra – Caldas).
  2. Elia Lago (O Condado- A Paradanta).
  3. Alberte G. Nicolás (A Coruña).
  4. Nazaré Estévez (O Ribeiro).
  5. Iria González Domínguez (Arnoia – A Limia).
  6. Daniel Castro García (A Mariña).
  7. Mery Seijas Rodríguez (Lugo).
  8. David Neira Caridad (A Coruña).
  9. Sara Gómez Fernández (Lugo).
  10. André Vidal Capón (Baixo Miño).
  11. Antía Fraga Seijido (Ourense – O Carballiño).
  12. Martín Graña Pérez (A Mariña).
  13. Sara Lourenzo Costas (Vigo).
  14. Nerea Dosil (A Estrela).
  15. Sergio Simons (Vigo).
  16. Iria Vázquez Puentes (Pontevedra – Caldas)
  17. Anxo Núñez Fernández (A Estrela).
  18. Sabela Méndez Casteleiro (Baixo Miño).
  19. Nuno Galán Alves (Vigo).
  20. Carmela Franco Caaveiro (Ferrolterra).
  21. Diego Bará Louro (Pontevedra – Caldas).
  22. Nerea Cazás Fraga (Baixo Miño).
  23. Adrián Vázquez Rodríguez (A Coruña).
  24. Navia Rivas De Castro (Compostela – Ordes).
  25. Iago Lourenzo Santamaría (O Salnés).