Nin escravitude, nin emigración!

grafico

Ao longo destes últimos anos puidemos comprobar como o emprego xuvenil non é unha prioridade para o PP.

O certo é que Feijóo non acabou co paro en 45 días, tal e como prometera, senón que conseguiu que máis do 50% das mozas e mozos da Galiza nos atopemos en situación de desemprego.

A día de hoxe contamos cunha lexislación laboral que pretende agochar as escandalosas taxas do paro a través do incremento dos postos de traballo temporais nas empresas.

Queremos traballo digno e na terra.

Tanto as sucesivas reformas laborais aprobadas polo PPSOE, como a Estratexia de  Emprendemento e Emprego Xoven 2013-2016 de Mariano Rajoy, afondan na temporalidade (incluso o goberno subvenciona os custos da seguridade social e contratación de empregad@s ás empresas que contraten moz@s por horas), amplíase o contrato de prácticas para o primeiro emprego dos 25 até os 29 anos e elimínase a limitación que había até o de agora para poder efectuar este tipo de contratos e que abranguía os cinco anos seguintes ao remate dos estudos.

O resultado final é unha mocidade traballando en precario, con salarios indignos e nunhas condicións laborais pésimas.

Preme na imaxe para baixar a voandeira editada!
Preme na imaxe para baixar a voandeira editada!

Ante esta realidade, as mozas e os mozos da Galiza vémonos na obriga de emigrar en busca de oportunidades laborais fóra do país, xa que aquí non as hai. Encárganse ben de acabar con elas!! Así as cousas, foron máis de 70 mozas e mozos as que marcharon  da Galiza cada día durante o último ano, unha cifra arrepiante que dá boa conta da dramática situación deste éxodo xuvenil que o noso País está a sufrir. Unha situación que está directamente relacionada coa forzosa dependencia económica da Galiza, coa que tanto o Estado español (en plena fase de recentralización) como a Unión Europea (en tanto que estrutura imperialista ao servizo do grande capital) continúan a condenar o noso país á destrución do tecido industrial e a negarnos as posibilidades de desenvolver as capacidades produtivas de Galiza, impedindo así a creación e postos de traballo na nosa terra e rematar dunha vez co éxodo da mocidade galega.

Esiximos dereitos!

É por iso que precisamos soberanía, pois é a ferramenta para podermos decidir sobre o noso territorio e a nosa economía, para rebelarnos e non aplicar nunca máis as ordes dos mercados e do capital que esnaquizan as nosas posibilidades de futuro na Terra. Soberanía para facer realidade a imprescindíbel iniciativa pública na economía, para orientala en beneficio do pobo e non do grande capital, privado e transnacional.

Por todo isto, non cabe lugar nin á resignación nin a quedar na casa! Rebélate contra o roubo dos nosos dereitos! Ven loitar connosco, polo traballo digno e na terra!

O futuro é noso!