Polas Seleccións Nacionais. Participa da xornada de Siareiras Galegas

12307353_952548178143628_713738749982386923_oGaliza como nación ten o dereito a contar con seleccións nacionais propias. Desde Galiza Nova chamamos á mocidade galega a participar nos actos lúdicos e reivindicativos en defensa das nosas seleccións deste 26 de decembro en Compostela, organizados por Siareiras Galegas. Ás 18 horas partirá dende a alameda a manifestación nacional pola oficialidade da nosa selección. Ás 20 horas disputarase o encontro Galiza – Senegal, e desde as 22:30 horas terá lugar o concerto na Sala Malatesta coas actuacións musicais de Dakidarría, Poetarras e Keltoi.

Obrigadas a Siareiras Galegas, que leva xa 18 anos traballando a favor das nosas seleccións, e obrigadas pola gran iniciativa que tiveron como é a organización deste partido de fútbol internacional para a nosa “Irmandiña”.

Logo de que o PP eliminase os encontros deportivos das nosas seleccións, desde Galiza Nova continuamos a demandar o dereito da nosa nación a contar con seleccións deportivas propias, tanto femininas como masculinas, que a representen en todas as disciplinas, a nivel oficial e internacional. Cabe tamén destacar a existencia de ducias de disciplinas deportivas que compiten ano tras ano internacionalmente, mostra do altísimo nivel deportivo internacional que Galiza posúe, mais que a Xunta devalúa e fai carecer de oficialidade.

Debemos tamén pular para que as e os nosos deportistas poidan participar internacionalmente vestindo a súa equipación, a galega. Dende Galiza Nova sabemos que existe unha grande parte do noso País que non só desexa poder ver os éxitos das nosas seleccións, senón que traballa moi duro no camiño da concienciación social para lograr tal fin.

Chamamos pois a mocidade galega a que se sume a participar desta actividade que terá lugar o vindeiro 26 de decembro en Compostela.

Queremos seleccións galegas oficiais e internacionais!