Salvemos a ría de Cedeira!

A depuradora de Cedeira vén de sufrir, logo dunha serie de fugas, o peor desbordamento da súa historia. A estación de bombeo guindou moreas de bolas de graxa con materia fecal e deterxentes que acabaron aboiando no río, no areal e na ría, sen que a veciñanza fora debidamente informada nin se debullaran responsabilidades. Situación que creou incerteza e alarma social perante os numerosos episodios de dermatite e total falta de información.

PPSOE intenta deslexitimar a concentración sen argumentos

A veciñanza e organizacións sensíbeis preocupadas por esta situación concentrámonos o domingo 10 de Agosto para esixir solucións (o manifesto da mobilización pódese ler e escoitar no vídeo da concentración http://www.youtube.com/watch?v=KqLbqria4uc ). A reacción do PP non foi outra que a de acusar ás e aos convocantes da concentración de alarmarmos ás e aos turistas e de prexudicar o comercio local. Foi desmentido ante unha oleada de probas fotográficas e en vídeo que demostran vertidos de materia fecal, graxas e deterxentes no río Condomiñas.

O PSOE, pola súa banda, acusou ás e aos convocantes de marxinar a súa formación política, mais foi desmentido xa que na anterior concentración foi invitado ás reunións e a participar na concentración, e foi o propio PSOE quen non accedeu.

Galiza Nova reacciona!

As mozas e mozos de Galiza Nova de Cedeira reaccionamos gravando un vídeo que critica a contaminación da Auga, do Río Condomiñas, Praia da Madalena e Ría de Cedeira.

O vídeo conta a historia dende o punto de vista dunha turista que ao chegar a Cedeira atópase con material fecal medio enterrado en diversas zonas da beira da praia, con graxas e deterxentes na auga, con numerosos episodios de dermatite en bañistas e con falta de información dende o Concello Cedeirés. A turista acode a apoiar a concentración cívica e decide ir un paso máis lonxe enviando ao alcalde unha mostra de material fecal atopada na praia, deixándolle claro que as/os turistas tampouco queren que se lles oculte información que tamén afecta na súa estancia en Cedeira. O vídeo foi posíbel grazas a participación activa da mencionada turista de Euskal Herria e Galiza Nova. A situación contada no vídeo é real.