‘Un pobo, un voto’ artigo de André Mauricio

foto_andre (1)Este domingo Catalunya decide se rachar definitivamente a súa relación co Estado

Tres anos despois da masiva mobilización da Diada de 2012, que obrigou por primeira vez a que a dereita catalá ate entón autonomista dera o primeiro paso a prol do dereito a decidir, o procés enceta o derradeiro referendo popular antes de rachar coas estruturas do estado español.

Nestes tres anos gañáronse moitas oportunidades e perdéronse outras tantas, adiouse o exercicio directo da autodeterminación por ambigüidades políticas e intereses económicos, mais iso tamén permitiu que a defensa da independencia chegara a sectores e barrios onde nunca o fixera até ese intre; vimos pactos e acordos a priori considerados antinatura case en calquera a circunstancia e cesións de todos os tipos, e sen decatarse a propia identidade catalá estase redefinindo o ter que afrontar a realidade dun país e colectivos que até entón eran dificilmente visibilizados.

O máis importante, o das persoas migradas a Catalunya, que nunca estiveron tan expostas como nesta campaña electoral entre outros polos desbarres etnicistas de Pablo Iglesias, pedindo o voto segundo a procedencia familiar, e cuxa resposta exemplifica como mentres en Catalunya o debate está superado dende Madrid pretenden continuar a vendernos a panorámica franquista das contradicións nacionais coma un mero problema racial e identitario, que para eles nada ten que ver coa economía, o social, a ecoloxía ou o territorio. En fin, nada que ver co que comporta ser unha nación.

A maior esperanza dos partidos e as grandes empresas españolas e un dos maiores medo das organización independentistas sempre foi que a tensión permanente de manifestacións e actos sen avances concisos acabará por esgotar a enerxía sobre todo das persoas non nacionalistas, un dos grupos chaves nas eleccións do domingo, e moitas das cales xa teñen claro que votarán a algunha das dúas candidaturas comprometidas coa emancipación nacional e económica de Catalunya.
Iso nunca pasou, e por máis que os intereses duns e outros puxeran máis curvas no camiño, por máis do uso arbitrario dos recursos públicos por parte do estado español para desacreditar e acabar coa petición democrática de millóns de persoas para decidir o que lles compre, estes tres anos viviuse unha mobilizacións sen precedentes de persoas de todo o País que impediu a paralización do proceso, cada ano milleiros de persoas fóronse sumando, multiplicáronse as organización de apoio dende todos os eidos e medrou a ilusión perante o medo que sementa o Goberno español.

Estes días, probablemente motivado porque todo comeza a verse cada vez máis preto, estamos a presenciar unha derradeira ofensiva para deslexitimar o momento histórico que aquí vai supor o 27 de setembro, dende ameazas de corralitos até a negación do dereito a independencia, amplos estudos sobre o uso “interesado” do galego, éuscaro e catalán sen unha soa mención o proceso de colonización cultural castelán, bombardéannos con análises, debates e demostracións públicas de auto nomeados “intelectuais” cunha posición curiosamente similar entre si, sob o mantra común dunha legalidade con que fede a imperio fallido e que vista dende Catalunya semella cada vez máis abstracta.

E imposíbel concretar que vai a acontecer con respecto aos milleiros de contras que nos presentan as candidaturas que nos queren manter no Madrid de 1978 se o vindeiro domingo hai unha nova mostra de apoio popular ao proceso de independencia, o único certo é que isto non é unha cuestión técnica –por iso a tan manida Constitución pouco vale nisto- e unha cuestión política, e como tal, terá que ter unha resolución política.

Hai moitos xeitos de enfocar unha mesma situación, aquí coma na Galiza, poderíanse basear na situación desigual cara o estado, no confronto continuo por resistiren o intento planificado de acabar con colectivos diferenciados nun afán homoxeneizador; en cambio, non se prioriza o que se destrúe, senón o que se crea, non se vai declarar a independencia para acabar co Estado español, senón que se vai acabar con él porque senón non haberá Pais novo.

André Mauricio, vive en Catalunya e é militante de Galiza Nova e responsábel do BNG na emigración.