Ocupamos terreo contra a esPPeculación

CD1OF03W8AAw4luGaliza Nova realizou unha acampada reivindicativa para esixir a construción de vivenda pública destinada ao alugueiro na parcela pública da avenida Xoán XXIII en Compostela, terreo que ocupamos para esixir o mantemento do acordo co proxecto inicial; pois agora o PP quere cambiar o proxecto para facer vivenda de luxo neste emprazamento.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Rubén Cela, e o responsábel comarcal de Galiza Nova; Hugo Rei, denunciaron publicamente a especulación urbanística do PP e anunciaron que o nacionalismo non dará un paso atrás na defensa do dereito á vivenda, como xa se fixo tanto no Concello como no Parlamento, denunciando o auténtico intento de pelotazo que o PP de Agustín Hernández intenta dar nesta parcela de Xoán XXIII. Esta era unha parcela pública para construír vivenda pública dirixida ao alugueiro de xente nova, que o Goberno do PP quere utilizar para construír vivenda privada e de luxo.
Con todo, vese claro que en Compostela mudan as caras dos alcaldes, debido á corrupción do PP, mais non muda a política urbanística do PP, pois a política urbanística de Agustín Hernández é exactamente a mesma que a de Conde Roa. Neste sentido, dende Galiza Nova e o BNG seguiremos a denunciar, na rúa e nas institucións e as veces que faga falta, os casos de especulación e a necesidade de dotar a Compostela de vivenda de protección pública, para as rendas máis baixas e a mocidade.
A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, rexeita o cambio de proxecto de vivenda protexida en alugueiro destinada á mocidade. Cada vez a xuventude ve máis lonxe a emancipación, porque o PP empéñase en facer reformas laborais que destrúen o emprego e só favorecen os contratos lixo que non chegan para alugar nin mercar
vivenda.
Polo tanto, rexeitamos a política urbanística que favorece a especulación e esiximos que se execute o proxecto inicial para crear 40 vivendas de protección pública para menores de 35 anos en Xoán XXIII.

Lume ao PP, lume á esPPeculación!