O pasado sábado tivo lugar en Santiago de Compostela a primeira Dirección Nacional tras as pasadas eleccións galegas. Nela analizouse o contexto político actual, marcado polos resultados das mesmas, valorouse o traballo realizado ata o momento e marcáronse os retos para os vindeiros meses.
RESULTADOS ELECTORAIS
Tras os resultados da noite electoral do pasado 18 de febreiro, Galiza Nova conta actualmente con 2 deputados no Parlamento Galego, co cal seguirá mantendo a súa voz no máximo organismo institucional do país.
Ademais, analizouse moi positivamente o traballo feito polas militantes e mocidade que se achegou durante a campaña, o que sen dúbida contribuíu a acadar o resultado histórico do BNG.
XXIV XORNADAS DA HISTORIA DE GALIZA: “O FÍO LILÁ DA HISTORIA”
Os vindeiros días 13 e 14 de abril terán lugar en Padrón as vixésimo cuartas xornadas de formación da historia de Galiza. A redor da figura de Rosalía de Castro e en liña coa campaña para este 8 de marzo “Tecendo o fío lilá da historia”, serán dous días de coñecer o noso pasado e a historia das mulleres que nos precederon, así como a contorna da localidade a través de roteiros, palestras e actividades formativas e de debate.
OUTRAS CUESTIÓNS TRATADAS NA XUNTANZA
Na xuntanza tamén se avanzou o traballo a realizar con motivo do primeiro de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, e do 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Así mesmo, analizáronse as necesidades das diferentes comarcas e as pautas de actuación e de traballo para cada unha delas.
Por último, reforzamos a nosa solidariedade internacionalista co pobo palestino e continuaremos a asistir ás mobilizacións de apoio convocadas por Mar de Lumes.