Nas XVIII Xornadas de Historia de Galiza reclamamos traballo digno na terra

Acción de Galiza Nova no marco das XVIII Xornadas de Historia a prol do traballo digno na Galiza

Perto dun cento de mozas e mozos participaron esta fin de semana en Ourense nas XVIII Xornadas de Historia de Galiza. Nesta edición o eixo fundamental das xornadas consistiu na Historia recente do nacionalismo galego.

Durante dous días puidemos coñecer unha parte da historia oculta do noso país. Neste senso, o secretario xeral de Galiza Nova,Alberte Fernández, asegurou que “debemos coñecer a historia do noso país para fortalecer o nacionalismo” como unha “ferramenta chave” para “construír o noso futuro”.

Ao longo desta dupla xornada as persoas participantes puideron afondar na historia do nacionalismo galego durante o segundo terzo do século XX a través das dúas conferencias impartidas por Alfredo Suárez Canal (o nacionalismo galego dende 1963 a 1982) e Francisco Jorquera (o nacionalismo galego dende a fundación do BNG ata a actualidade), dous dos maiores referentes do nacionalismo recente.

Durante a xornada do sábado as mozas e mozos de Galiza Nova despregamos tamén unha faixa na cidade de Ourense fronte a situación de elevado desemprego no que se atopa a nosa mocidade en relación aos datos publicados pola EPA o pasado xoves.

Na xornada do sábado, baixo o título “Mulleres na loita antifascista” rescatamos da man da deputada do BNG por Ourense Noa Presas a memoria feminina e puxemos en valor o protagonismo das mulleres ourensás durante a represión franquista.

Na xornada do domingo as persoas participantes coñeceron a influencia que o goberno nacionalista de Allariz tivo no avance e mellora da cidade da man do alcalde, Francisco García. Do mesmo xeito tivo lugar un coloquio centrado na cuestión LGTBI, os avances na lexislación e as necesidade para o futuro.

Finalmente, tamén asistimos a unha palestra sobre a necesidade de soberanía para a Galiza como solución aos problemas da mocidade, de parte de Alberte Mera, ex-Secretario Xeral de Galiza Nova e Olalla Rodil, do BNG e integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova.