A SITUACIÓN DA MOCIDADE TRABALLADORA DURANTE A CRISE SANITARIA

Como consecuencia desta crise sanitaria atravesamos unha situación de características novidosas para todas nós, con gran parte da poboación mundial confinada ou con restricións directas en dereitos fundamentais. Mais as que non son tan novidosas son as consecuencias que esta crise comeza a ter na clase traballadora. Máis unha vez, os peores sacrificios e as maiores responsabilidades recaen no pobo. Isto non é ningunha sorpresa, pois é a nosa clase a que sostén o mundo hoxe e a que o sosterá mañá. Por desgraza este feito é moito máis visible nas actuais e dramáticas circunstancias.

En primeiro lugar están as persoas que traballan nos sectores indispensábeis para a xestión e resolución desta crise: desde as traballadoras dos supermercados e as tendas de alimentación ata o persoal sanitario e dos coidados, que está en primeira liña da crise. Todas elas expóñense no día a día a unha grande interacción social e a un estrés que tardarán tempo en superar. As carencias materiais que sofren estas profesionais amosaron as terribles consecuencias dos recortes e privatizacións dos últimos anos. Para todas elas o estado de emerxencia instalado por mor da pandemia supuxo unha intensificación da súa explotación, agravada polos riscos á saúde aos que se ven sometidas.

Pero tamén hai unha significativa proporción da clase traballadora, no caso da mocidade a maioría, que como consecuencia desta crise ve perigar os ingresos cos que facer fronte ás súas necesidades básicas. A profunda precariedade e a inestabilidade laboral de milleiros de mozas constatouse do xeito máis cruel nos intentos dalgunhas empresas por forzar vacacións (o cal é ilegal) ou nos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). Este mecanismo facilitou con cartos públicos a suspensión de actividade das grandes multinacionais, para as que pode resultar doado aplicar en masa os ERTEs. Iso por non falar dos falsos autónomos ou contratos temporais que directamente fican sen ingresos ipso facto. Este desamparo é posible grazas a unha lexislación feita a medida dos intereses do capital e ás contra-reformas laborais, medidas para un tempo excepcional que agora lle veñen moi ben á patronal. E se non estamos alerta, as medidas tomadas hoxe en réxime de excepcionalidade manteranse no futuro unha vez pasada a pandemia.

As grandes empresas están a optar polos ERTE de 6 meses, excedendo o período estimado desta crise sanitaria, adiantando así un escenario de verdadeira emerxencia para todas esas mozas que, con esta perspectiva, terán que sobrevivir con ingresos moi inferiores aos que tiñan. Nalgúns casos concretos do sector das cadeas de hostalaría podemos falar de reducións de até o  50% do salario, iso si, sempre pagadas con cartos públicos. Noutros casos, como os call-center ou a factoría de PSA Citróen, a parada de actividade tivo que ser forzada polas traballadoras, mais as condicións dos ERTE anticipan perdas de dereitos.

Non debemos esquecer tampouco a todas as traballadoras que, sen encaixar nas dúas categorías anteriores, tamén viron agudizadas as súas condicións de explotación. Son as persoas que non traballan nun sector directamente relacionado coa loita contra a pandemia pero, malia o confinamento obrigatorio, vense obrigadas a asistir ao traballo, as máis das veces sen garantías sanitarias. Isto sucede debido á irresponsabilidade de non decretar o paro das actividades económicas non esenciais, decisión propia dun goberno máis preocupado polos resultados das grandes multinacionais que polos dereitos básicos do pobo.

Todas estás situacións revelan a realidade que agocha o capitalismo detrás dos slogans bonitos e das ruidosas doazóns de millonarios. Empresas que facturan millóns manobran externalizando as consecuencias da crise sobre a clase traballadora, explotándoa até niveis impensables ou despedíndoa sen garantías. E cando isto non é posible, son os Estados os que, tamén cos impostos que paga na súa maior parte a clase traballadora, corre co gasto social derivado da lóxica lucrativa e inhumana do Capital.

En definitiva, como consecuencia desta crise debemos tirar varias leccións urxentes en materia de emprego. Por unha banda, sermos conscientes da nosa importancia no metabolismo do sistema e de que sen nós a roda do Capital deixa de xirar. En segundo lugar, termos memoria para que as medidas de excepcionalidade non acaben por normalizarse e incorporarse ás relacións laborais do día a día. Por último, e quizais o máis importante na práctica: canalizar toda esta indignación en forma de mobilización social e loita polos nosos dereitos. Para esta última e fundamental tarefa temos a mellor ferramenta: o sindicato nacionalista e de clase: a CIG. Loitemos, pois:

SÓ O POBO SALVA O POBO!