Escocia, Catalunya: dous procesos, unha oportunidade

Galiza Nova: paz e independencia para os povosAlgo está a acontecer en Europa. Nacións do vello continente están a abrir unha fenda real nos marcos preestabelecidos de forzas imperiaisOs casos de Catalunya e Escocia supoñen unha oportunidade para os pobos que, coma o galego, reclaman o seu dereito á libre determinación e independencia. 

Unha primavera europea? Ollemos. A crise capitalista que estourou en 2008 supuxo un verdadeiro terremoto que está a facer quebrar os alicerces nos que se asenta a suposta unidade territorial de Estados como o español. Neste contexto, o impulso que nos últimos anos tomaron as forzas independentistas –non só partidarias, véxase o caso da Asemblea Nacional Catalana ou da plataforma Yes Scotland– reflicte que a vontade popular é imparábel e pode arrasar coas marxes que a comprimen. 

Porén, Escocia e Catalunya supoñen dous exemplos ben distintos. E é que no primeiro dos casos o goberno británico, encabezado polo primeiro ministro David Cameron, aceptou a convocatoria dun referendo de autodeterminación coa sinatura do Tratado de Edimburgo en 2011. O acordo fixa para o 18 de setembro deste ano o desenvolvemento da consulta cuxo resultado será asumido por Inglaterra e prevé a independencia de Escocia –se así o decidir o pobo escocés– en 2016.

Tolerancia? Aperturismo? Modernidade? No concreto o Reino Unido, embora recoñecer un dereito fundamental do marco xurídico internacional –o dereito de autodeterminación dos pobos (artigo 2 da Carta das Nacións Unidas, Resolución 2625)- soubo xogar ben cos tempos e favorecer as súas ansias unionistas recollidas na campaña Better Together (Mellor Xuntas) ou do Project Fear (Proxecto Medo). Segundo os inquéritos os apoios á independencia aumentan aínda que non o suficiente como para se producir un voto masivo ao ‘Si’ que dependerá, en última instancia, das capas da sociedade aínda indecisas.

O Estado español rexeita recoñecer o dereito a decidir de Catalunya e apela ao marco constitucional para defender a suposta ilegalidade da consulta

En troca, o caso catalán é ben distinto. O Estado español rexeita recoñecer o dereito a decidir de Catalunya e apela ao marco constitucional para defender a suposta ilegalidade da consulta. Un referendo reclamado non só pola maioría das forzas que compoñen o Parlament de Catalunya senón tamén por unha ampla maioría social que fixo da Diada de 2012 e 2013 a mellor palestra para proxectar a súa mensaxe: Volem decidir (Queremos decidir).

A negativa inamovíbel do Goberno español, do Partido Popular –mais tamén das restantes forzas unionistas, entre elas o PSOE– abre un novo vieiro para o pobo catalán que pasa mesmo pola declaración unilateral de independencia. Que supón o que está a acontecer para Bretaña, Flandes ou mesmo Galiza? Nacións sen estado onde a conciencia nacional é aínda minoritaria ven nestes procesos soberanistas unha oportunidade. 

No caso concreto do noso país o pulso que está a botar Catalunya ao marco constitucional vixente, aos poderes fácticos que sosteñen a indivisíbel España e mesmo á oligarquía catalá, opositora da independencia, exíxelles tomar posicións, moverse e reaxir perante unha maré popular que reclama a berros o seu dereito a ser, a existir como estado de pleno dereito. 

Galiza non pode perder o tren das nacións

Neste senso, Galiza non pode perder o tren das nacións e debe apostar na oportunidade que se aveciña para conquerir un futuro de seu no que o noso pobo marque o rumbo do país, sen dependencias nin subordinacións de ningún tipo. Loitarmos por socializar a idea de que con soberanía, con capacidade para decidirmos sobre os nosos propios recursos, poderemos construír unha nación nova, democrática, solidaria, xusta, equitativa e feminista é unha importante labor e mesmo un reto para as forzas nacionalistas.