Non á manipulación de Castelao

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, rexeitamos unha vez máis a manipulación e deturpación que dende o poder se tenta facer da figura de Castelao co discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo na recepción do cadro “A derradeira lección do Mestre” a Galiza esta mañá.

No seu discurso obviou por completo a figura de Alexandre Bóveda, un patriota asesinado polas súas ideas, por ser nacionalista e responsábel de organización do Partido Galeguista a quen lle dedicou Castelao este cadro, retratándoo despois do seu asasinato por parte do réxime franquista. Fíxoo intencionadamente porque pretende borrar a nosa Historia e manipulala para perpetuar o actual deseño autonómico que nos fai dependentes politicamente.

A ofensa ao legado de Alexandre Bóveda non foi a única, pois mesmo chegou a afirmar que “A Galiza pola que loitou Castelao nos anos 30 é a que temos actualmente”, cuspindo así en todo o que Castelao representou ao longo da súa traxectoria vital. Continúa o traballo iniciado no ano 1984, cando se trouxeron os restos de Castelao ao país en contra da súa vontade, pois dixo que só querería voltar a Galiza cando esta fora verdadeiramente dona de si, e entronca coa tradición que se levou a cabo dende o poder de obviar a faceta política de Castelao, quedando unicamente coa artística ou literaria e tratando de baleirala de contido.

É por iso que a Galiza de hoxe, totalmente desposuída de soberanía, dependente do estado español, na cal as mozas nos vemos afogadas pola precariedade no emprego e no ensino, na que o idioma cada día perde falantes por unhas políticas lingüicidas aplicadas polos herdeiros dos que asasinaron a Bóveda non é nin moito menos a Galiza pola que loitou Castelao.

En Galiza Nova témolo claro, recollemos o legado que deixou escrito Castelao no Sempre en Galiza e rexeitamos a súa manipulación, porque sabemos que Galiza só deixará de loitar pola súa liberdade o día no que a conquiste.