Non emigramos, expúlsannos. 14D todas á rúa con Vía Galega!

Dentro da campaña «Non Emigramos. Expúlsannos», Vía Galega convoca 46 concentracións simultáneas diante das casas dos concellos de diversos municipios galegos para denunciar a situación de emigración forzada á que se ven sometidas millares de persoas cada ano no noso país.

As mozas galegas sufrimos a lacra da emigración dun xeito directo. Temos un país totalmente desatendido e desmantelado, cun sector industrial e sectores produtivos subdesenvolvidos que non permiten xerar riqueza e postos de traballo digno na nosa terra, a pesar das nosas grandes potencialidades como país.

É por isto que desde Galiza Nova traballamos por acadar a capacidade de decidir por nós mesmas. Para poder ter futuro no noso país precisamos alternativas políticas centradas en Galiza. Políticas que fagan máis competitiva a nosa industria, que dinamicen os nosos sectores produtivos e que permitan que a riqueza que se xera aquí, permaneza aquí e e redunde no beneficio colectivo.

A mocidade galega está farta de ter que marchar do seu país para buscar un futuro que se lle restrinxe na terra. É por iso que desde Galiza Nova apoiamos as concentracións convocadas pola Plataforma Vía Galega para este sábado 14 de decembro.

Non emigramos, expúlsannos! Todas a rúa este sábado con Vía Galega!