Galiza Nova valora como un escándalo democrático o feito de que case unha vintena de activistas nacionalistas vaian ser xulgadas perante o Tribunal Supremo polo feito de manifestárense contra o espolio da ditadura franquista. Após a decisión do xulgado de Betanzos de elevar a denuncia da familia de Franco ante o máximo tribunal, constátase a escasa lexitimidade democrática que ten a xustiza do estado.

 Amosamos a nosa solidariedade coas persoas encausadas, que enfrontan peticións de condea de até 13 anos de cárcere e 500.000 euros de multa.Até que a propia familia devolva o roubado e o Pazo de Meirás volva ser do pobo galego non comezará a poder falarse de xustiza e reparación na nosa Terra. 

Logo de décadas de brutal represión e de rapiña de bens patrimoniais como as estatuas do Mestre Mateo, resulta significativo que os que teñan que enfrontar posibles responsabilidades penais sexan aquelas que denuncian este despropósito. Máis unha vez evidénciase que vivimos nunha situación de democracia formal, na que teñen prioridade os escuros intereses dos herdeiros do ditador. 

Perante o seu uso lamentable da Xustiza e a súa impunidade, a mocidade nacionalista ergue a bandeira da solidariedade. Nesta loita, como noutras que vimos librando neste contexto de involución democrática, faise máis patente a necesidade da solidariedade e da organización. Fronte ao franquismo, nin un paso atrás!

Leave a Reply

Your email address will not be published.