Pola dignidade dos medios públicos

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, chamamos a mocidade galega a participar da mobilización convocada polas traballadoras da CRTVG en rexeitamento da manipulación e ataques constantes que os medios de comunicación públicos están a recibir por parte do goberno da Xunta presidido por Feixóo e o Partido Popular.

O PP emprega a CRTVG como altofalante do seu discurso tanto como ferramenta de propaganda política do seu partido coma con ataques incesantes cara a nosa cultura, que se ve totalmente silenciada nos medios de comunicación que nos pertencen a todas. Trasladándose así unha visión estereotipada do que é Galiza que busca afondar máis nos complexos e no autoodio do noso pobo.

Dende Galiza Nova consideramos fundamental que os medios de comunicación públicos sirvan de altofalante da creación cultural do noso país, tanto na radio coma na televisión, e que se emitan contidos de calidade na nosa lingua servindo así tamén para a normalización da mesma.

Por todos estes motivos chamamos a participar da marcha que sairá este sábado 8 de setembro dende a sede da CRTVG en Compostela ás 10:30.