QUE SABE O DÉCIMO DENTISTA SOBRE A UNIVERSIDADE PRIVADA?

Hai máis dun ano que se daba a coñecer a intención e nacemento da Universidade Intercontinental da Empresa, unha entidade privada financiada por ABANCA  que será, con maior ou menor evidencia, servil e obediente aos designios de quen lle vai dar de comer. A súa intención é poñela a andar no curso 20-21 cos mínimos exixidos pola lei para empezar a operar como universidade autónoma: catro graos, catro mestrados e dous programas de doutoramento. Todos eles orbitando arredor de dúas ramas, as Ciencias Sociais e Xurídicas e a Enxeñaría e Arquitectura.

Durante os últimos anos vimos asistindo a un paulatino proceso de mercantilización do conxunto do Sistema Educativo (SE) e da educación. No ensino universitario, por centrarnos nunha das patas do SE, cómpre recordar que os Consellos Sociais están pensados para a participación das empresas nas universidades (que llo pregunten ao Banco Santander). Isto lévanos a outra cuestión que está moi ligada coa proliferación de institucións universitarias de carácter privado, que teñen a ver coa actual situación da investigación e, concretamente, co seu (escaso) financiamento.

O certo é que existen evidencias próximas no tempo que nos permiten dubidar da honestidade e honorabilidade das institucións educativas privadas (Universidad Rey Juan Carlos e os diversos casos de corruptela educativa que non ten lugar nomear aquí un por un) de cara a ser (porque é o seu deber) motores de mudanza e progreso social. En troques, resultan ferramentas ao servizo das poderosas; ao servizo de quen pode “mercar” educación;  ao servizo de quen pode pagar os preto de 6000/8000 €[1] que pode custar un curso nunha institución destas características; e, lamentabelmente, ao servizo de quen lle pode mercar un posto de traballo á súa filla ou fillo.

Os datos falan

Hai dous datos que é imprescindíbel destacar se o que queremos é demostrar que non falamos exclusivamente desde un posicionamento ideolóxico. Se revisamos as taxas de inserción laboral das persoas graduadas en función do tipo de universidade na que titularon, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades presenta nun dos seus informes a táboa seguinte. Para iso analizaron a porcentaxe de persoas que atoparon traballo unha vez finalizados os seus estudos, atendendo á natureza económica da entidade onde estudaron, e ao ano no que atoparon o traballo.

Desta táboa podemos extraer tres conclusións. Primeiro  que a porcentaxe de persoas que atopan traballo despois de titular é sempre maior se estudaron nunha universidade privada ca se o fixeron nunha pública, demostrando así que realmente non se está pagando por un ensino mellor, senón por maiores oportunidades laborais unha vez rematada a formación.

Segundo, que o número de persoas que acoden a universidades públicas para se formar é cinco veces superior ás que o fan na privada, probando que non é unha cuestión de calidade nin de excelencia, senón perpetuar un reduto caciquil (cada vez máis selectivo e elitista) que beneficia ás persoas con maior poder e capacidade económica.

E terceiro, que se fomenta unha desvalorización do ensino e do coñecemento, pois non é o mesmo pagar por unha titulación que conseguila a base do tempo e a suor propia. Se a universidade está supeditada aos intereses de empresas e capital acaba por xerar “ciencia” partidista, e basta con buscar estudos que negan a relación entre tabaquismo e cancro de pulmón, ou entre emisións de CO2 e o cambio climático. Que saberá o décimo dentista sobre esa pasta de dentes para non recomendala?

O outro dato sobre o que queremos chamar a atención é o descenso no número de matrículas no Sistema Universitario Galego nas últimas dúas décadas e as tendencias das mesmas nas diferentes áreas científicas (Figura 1 e Figura 2). O descenso débese, entre outras cousas, ao fomento das Formacións Profesionais, á aplicación do Plan Boloña e, ligado con isto último, ao encarecemento do que supón para unha unidade familiar manter a unha persoa (cando non dúas) cursando estudos universitarios.

É preciso lembrar que a dispersión demográfica do noso país implica que un grande número de familias deben incluír nese investimento a manutención alimentaria e vivencial, xa que non todo o mundo ten un centro universitario a golpe de transporte público nas súas proximidades. Isto confirma que o factor económico é determinante á hora de que fillas e fillos accedan á universidade.

A Táboa 3 pretende arroxar luz sobre a mentalidade empresarial que vertebrará a UIE, comezando por sinalar que as titulacións que pretende impartir correspóndense coas áreas que maior volume de alumnado recollen (CC.SS. e XX. e Enxeñaría e Arquitectura). Isto, cando menos, incita á dúbida sobre se realmente a vontade da UIE e ABANCA é non crear duplicidades coa oferta formativa pública actual, sendo esta a principal preocupación dos equipos de goberno das tres universidades galegas.

A educación que queremos

O Sistema Educativo público no seu conxunto non deixa de ser, entre outras moitas cousas, un fantástico elemento de cohesión social para as sociedades, e a universidade en particular, promotora da mobilidade social. Non ten ningún sentido intentar fomentar e alimentar desde a política un espazo que segregue, exclúa, favoreza e beneficie ás clases sociais máis poderosas e con maior capacidade económica.  

Desde Galiza Nova entendemos que a universidade nunca, baixo ningún concepto, debería estar supeditada aos intereses das empresas, pois a súa responsabilidade é coa ciencia en primeiro lugar, e coa formación de persoas críticas en segundo. Isto non é compatíbel co enaltecemento do individualismo como doutrina educativa nin cunha concepción empresarial do ensino e da universidade. Esta debería servir, como afirmaba o pedagogo brasileiro Paulo Freire, para o alento dunha educación emancipadora, unha educación que nos permita ser conscientes dos elementos que nos oprimen como pobo e sociedade para, xuntas médicas e mestras, biólogas e enxeñeiras, labregas e obreiras, sermos libres das cadeas do capitalismo.

É por iso que desde Galiza Nova adherímonos á Plataforma en Defensa da Universidade Pública, creada recentemente por diversas organizacións sindicais e estudantís, pois son elas as que vivirán en primeira persoa este retroceso en política educativa.  


[1] Prezo aproximado da matrícula dun curso académico nunha escola universitaria privada na Galiza.

[2] http://www.ciencia.gob.es/stfls/MICINN/Universidades/Ficheros/Estadisticas/INFORME_INSERCION_2013_14.pdf