Xustificar o fascismo é delito

Galiza Nova esixe a dimisión do concelleiro do PP en Vigo Diego Gago por apoloxía do franquismo

“As netas e netos das vítimas do franquismo non podemos consentir que se insulte ás represaliadas, e moito menos desde cargos públicos como fai o concelleiro do PP Diego Gago” denunciou Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, tras enfrontar no debate organizado en Vía V as terríbeis declaracións de Diego Gago, representantes das mocidades do PP e concelleiro en Vigo.

Galiza Nova reclama a dimisión como concelleiro e como líder de Novas Xeracións de Diego Gago, por xustificar o golpe de estado do 1936 no debate celebrado na cadea VTelevisión. Gago apuntou que non foi un ataque contra un réxime democrático e que existiron culpábeis en todos os bandos, e que polo tanto non era necesario exhumar os corpos das persoas represaliadas tras o golpe. No propio debate o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, recriminoulle que “en calquera país europeo tras esas declaracións faríano dimitir como concelleiro e coma responsábel das mocidade do seu partido”.

Desde Galiza Nova, mocidades do BNG, ante os insultos ás vítimas do fascismo, esixen a dimisión inmediata de Gago coma concelleiro, que o PP o expulse de militancia, e pida desculpas públicas polas súas declaración de conivencia co franquismo, chegando a respostar á pregunta se había que financiar a exhumación das vítimas “haberá casos inxustos, pero de forma xeralizada non hai que estar financiando nin ir ao pasado”. Todas as persoas asasinadas fórono inxustamente polos fascistas, por iso Galiza Nova considera a Diego Gago xustificador do fascismo, da represión e dos asasinatos.

Alberte Mera esixe o cumprimento polas institucións da lei de memoria histórica e que se castigue o insulto ás vitimas do fascismo.